dd Concello do Barco : Todo preparado para o Entroido no Barco

Todo preparado para o Entroido no Barco

14.02.20 14:13

As XXI Xornadas Gastronómicas abren o próximo xoves o Entroido do Barco, nove restaurantes ofrecen as súas propostas ao longo de toda a semana. O martes 25 será o Desfile de comparsas a partir das 17h30, o luns haberá unha festa infantil e o mércores a despedida co Enterro da Sardiña.

Este ano o cartel do Entroido do Barco inclúe unha pintura de Jesús Díaz Ferrer na que o pintor lembra os Entroidos que viviu no Barco sendo neno.

As comparsas que queiran tomar parte no desfile e optar aos premios deberán formalizar a súa inscrición na sede de AEVA antes das 12 horas do día 21 de febreiro.

O Desfile dará comezo ás 17h30 do martes partindo, coma sempre, da Avenida Conde de Fenosa á altura do HCV, para continuar por Marcelino Suárez ata a praza Maior, onde terá lugar o baile.

O luns é o día dedicado aos nenos. No Pavillón Vello haberá un baile de disfraces a partir das 17 horas, un karaoke e a actuación do mago Javier Muro.

Na organización das Xornadas Gastronómicas participa AEVA, o Centro Comercial Aberto e a Ruta do Viño de Valdeorras. Esta última entidade sortea entre os clientes das Xornadas unha visita guiada con degustación por varias adegas-cova e un paseo en catamarán polo encoro de San Martiño, con degustación de viños.

O mércores ás 20h30 partirá da praza Maior o Enterro da Sardiña, o ritual de despedida do Entroido no que colabora, un ano máis, o grupo Gargallada Teatro.

 

OBarcoDeValdeorras

Nueva Ventana Xunta de Galicia
  • Rus
  • Eng