Curva España, o último de Chévere, este venres no TLO

21.10.19 09:44

Curva España é o último éxito teatral de Chévere (Premio Nacional de Teatro), teatro documento que parte da historia local, dun feito real: a morte do enxeñeiro Fernández España en 1927 acaecida na estrada da Gudiña a Verín. O venres 25 de outubro ás 21 horas no TLO.

En escena: Patricia de Lorenzo, Miguel de Lira, Lucía Estévez, Leticia T. Blanco. Dramaturxia, dirección: Xron. Escrita por Xron, Manuel Cortés, Miguel de Lira, Patricia de Lorenzo. Producida por Teatros del Canal, MIT de Ribadavia e Concello de Teo.

Coma outras veces, partimos dunha historia moi local, un relato que se transmitiu de xeración en xeración durante case cen anos e ao que nos achegamos con todo o coidado do mundo. Para iso nos documentamos en arquivos ou bibliotecas, apalpando papeis ou tirando de fíos dixitais. Entrevistamos a persoas que investigaron eses feitos antes que nós. Recollemos in situ os testemuños da xente, os seus recordos e as súas palabras. Organizamos o rexistro de todo este traballo en gravacións sonoras ou en vídeo. E con todo este material metémonos no local de ensaios para darlle forma teatral. Poñer a historia a proba, reconstruír as voces dos seus protagonistas cos nosos actores e actrices, crear situaciónes ao seu arredor, escribir sobre a marcha e a pé de escenario o que teñen que dicir. Gústanos poñer a idea en movimento sabendo de onde partimos, pero sen saber exactamente a onde chegaremos.

Aínda que o título por si mesmo ten a forza dunha metáfora para suxerir o que cada quen queira imaxinar, a Curva España existe. Está na antiga estrada da Gudiña a Verín, na provincia de Ourense. Hai décadas que por alí non pasa o tráfico, pero a xente a segue chamando así en lembranza de José Fernández España, un enxeñeiro que morreu en 1927 nese mesmo lugar ao caer o seu coche por un barranco, cando realizaba o estudo do trazado da variante sur (tamén chamada Variante André) da liña ferroviaria Puebla de Sanabria-Ourense para a empresa MZOV. Despois da súa morte, a opción sur por Verín, Xinzo e Allariz desaparece e as obras se desenvolverán durante os seguintes trinta anos polo Macizo Central ourensán, cun enorme custe tanto económico como de vidas humanas, prolongando o atraso e illamento de amplas zonas de Galicia.

OBarcoDeValdeorras

Nueva Ventana Xunta de Galicia
  • Rus
  • Eng