O Plan de Mobilidade do Concello do Barco ábrese á participación cidadá
Desde hoxe, e durante os próximos dous meses, o Plan de Mobilidade do Concello do Barco estará aberto á participación cidadá, coa apertura dun prazo para a presentación de suxestións por parte de todos os interesados. As persoas que desexen facer apartacións ao plan poderán acceder a un formulario tanto a través do enlace que aparece ao final desta nova, como no banner dispoñible nesta mesma páxina.
O Plan de Mobilidade é clave para a planificación futura da cidade, co obxectivo de conseguir un deseño de núcleo urbano no que se teñan en conta criterios de sustentabilidade ambiental, accesibilidade e mellor calidade de vida, facéndoo máis sostible e humanizado.
O Plan foi elaborado durante os últimos meses por un grupo de expertos na materia, pero non é un documento pechado nin definitivo, e non o será ata que non remate este período de suxestións, co fin de lograr un documento no que todos e todas esteamos implicados.