Iria Pinheiro presenta no TLO Anatomía dunha serea

18.02.19 10:29

Unha muller que leva no seu corpo a pegada da violencia obstétrica sufrida durante o parto narra a súa historia dunha maneira directa, aberta e autocrítica. Iso é Anatomía dunha serea, a peza de Iria Pinheiro que veremos este venres, 22 de febreiro, no TLO ás 21 horas.

Á protagonista, Iria Pinheiro, foille concedido a semana pasada o Premio Maruxa Villanueva do concello de Padrón por este traballo, pola súa valentía na reivindicación feminista abrindo, a través do teatro, o debate sobre a violencia obstétrica que ela mesma padeceu. A peza foi escrita por María Lado e Iria Pinheiro, dirixida por Xron no proxecto A Berberecheira do Grupo Chévere.

Anatomía dunha serea é unha peza de teatro documental construída sobre a memoria e a experiencia persoal da actriz Iria Pinheiro como muller, como nai e como vítima da violencia obstétrica. Trátase ademais dunha obra de teatro autobiográfica e con carácter testemuñal, pois a voz en primeira persoa da protagonista é tamén o testemuño directo de alguén que viviu os sucesos e acontecementos reais que se contan na obra. Un relato construído mentres a ferida segue aberta, porque as secuelas aínda non foron reparadas e o seu testemuño terá toda a visceralidade propia dun caso aberto.

OBarcoDeValdeorras

Nueva Ventana Xunta de Galicia
  • Rus
  • Eng