Reponse a exposición "Cen anos do Barco nas fotos" trinta e un anos despois

25.10.17 10:44

Na recuperación da memoria fotográfica do Barco hai un momento decisivo: decembro de 1986. Foi cando da man da agrupación cultural Sementeira, hoxe desaparecida, se realizou esta exposición que hoxe, trinta e un anos despois, recuperamos para botarlle de novo unha ollada ao paso do tempo. O martes 31 de outubro ás 20h no Teatro Lauro Olmo terá lugar a súa presentación e apertura.

A exposición, incluída no programa do Outono Fotográfico, está composta por máis de cen reproducións en papel fotográfico das orixinais que prestaran os seus propietarios para a ocasión. Algunhas delas son de autores coñecidos: Eugenio de Puga (do Bazar del Siglo), Martín Gómez, Manolo Barrio, Manuel Blanco Pascual e Rufino Rodríguez Llau (Foto Rufino). Poderá verse ata finalizar o ano en horario de 19 a 21 horas, de luns a venres.

As fotografías foron recollidas entre as numerosas persoas que as conservaron, grazas a elas podemos viaxar polo Barco de outrora, imaxinar a vida de antes, concretar no espazo físico numerosos relatos que nos contaban os maiores e poñerlle cara a personaxes que construíron parte da nosa historia. As fotografías son unha poderosa arma para a memoria, recoñecémonos nelas, tras a súa cara inocente de papel agáchanse intrigas e conflitos, mais tamén a vitalidade e a ilusión para a construción do lugar no que vivimos.

 

OBarcoDeValdeorras

Nueva Ventana Xunta de Galicia
  • Rus
  • Eng