Teatro do Atlántico presenta este venres "Helena, xuízo a unha lurpia"

23.10.17 10:21

No texto de Miguel del Arco fala Helena de Troia para desmontar o seu mito. Este venres 27 de outubro ás 21h María Barcala será a encargada de interpretala, con dirección de Xúlio Lago e o inconfundible selo que Teatro do Atlántico lle imprime aos seus traballos.

A inmortal Helena de Troia visítanos no século XXI. Xa non é “a bela Helena”, senón unha muller con sinais que falan do implacable paso do tempo; alguén que habita nun esvaradoiro emocional transitado polos intensos episodios da súa vida na que se mesturan a dor da nena violada por Teseo coa da esposa obrigada por Menelao; a paixón da amante namorada do fermoso Paris co rancor para con Zeus, o seu divino pai; a ironía ao redor de moitos dos seus contemporáneos -Aquiles, Ulises- coa impotencia ante a crueldade da guerra.

Quen escribe a historia? Helena diríxese cara a nós con esa interrogante, rexeitando a maneira en que foi contada a súa vida. Agora quere que escoitemos a súa versión dos feitos, sorprendéndonos cun relato apaixonado cheo de tenrura, humor, berro e dignidade.

OBarcoDeValdeorras

Nueva Ventana Xunta de Galicia
  • Rus
  • Eng