Resaca de il Maquinario, teatro contra o esquecemento

03.10.17 09:38

Resaca parte da necesidade afectiva de recompoñer a vida dunha persoa que morre inesperadamente. Unha obra de Tito Asorey e Ana Carreira con Melania Cruz, Fernando González, Fran Lareu, Laura Míguez e Vadim Yukhnevich. Este venres 6 de outubro ás 21h.

Resaca é a terceira montaxe de ilMaquinario Teatro, despois do éxito de O Home Almofada (2012) e Perplexo (2014). Tras estes dous espectáculos creados a partir de obras de autores estranxeiros, a compañía quere apostar por unha dramaturxia de creación colectiva achegada ás premisas do teatro documental. Foi estreada en galego en xaneiro de 2017 no Auditorio Municipal de Ourense. A versión en castelán foi estreada en San Sebastián, no marco da Feira de Teatro de Euskadi. En Maio de 2017 estreouse a nivel internacional, no festival Chantiers d´Europe no Théâtre des Abbesses de París.

Resaca é un espectáculo multidisciplinar no que o teatro conversa coa poesía, a narración oral e a música en directo para tratar de recompoñer a historia da vida de Álex, unha persoa común que dalgunha maneira resume e simboliza o sentir dunha xeración que continúa buscando o seu lugar nun mundo que se atopa en proceso constante de transformación e crise. É o resultado dun traballo documental sobre a memoria familiar e afectiva de todos os membros de ilMaquinario Teatro, a través da súa relación cunha persoa recentemente desaparecida. A reflexión sobre a súa perda activa a súa necesidade para salvagardar a memoria común fronte a vertixe cotiá que nos empurra cara adiante sen ter en conta a importancia do pasado. Quizais non exista mellor momento que o de agora para falar de alguén a través de quen recoñecernos con todos os nosos medos, desexos, dúbidas, ledicias e miserias.

Resaca xoga cos mecanismos do teatro documental ofrecendo un espectáculo vital no que os intérpretes intentan comprenderse lendo, cantando, rindo, escoitando, bailando e respirando a vida das persoas que nos habitan e que xa non están entre nós. Unha viaxe na que o espectador transitará polos territorios da tenrura, a comicidade, a reflexión e a emoción da man de cinco intérpretes que fan das súas propias vidas materia escénica.

OBarcoDeValdeorras

Nueva Ventana Xunta de Galicia
  • Rus
  • Eng