O Barco acollerá en novembro a XII Bienal de Pintura do Eixo Atlántico

12.09.17 10:34

O prazo para a participación dos artistas na XII Bienal de Pintura termina o 14 de setembro

O 14 de setembro péchase o prazo para a recepción das obras dos artistas que desexen participar na XII Bienal de Pintura do Eixo Atlántico, que poderá verse no Barco no mes de novembro.

Poderán concorrer ao certame todos os artistas da Eurorrexión cunha única obra de pintura orixinal e inédita que non fose exposta nin presentada con anterioridade a ningún outro certame ou concurso.

Toda a información necesaria para participar no certame atópase na web www.bienalpinturaeixoatlantico.com

Unha vez pechada a recepción das obras, o Xurado seleccionará as 30 propostas finalistas que configurarán o catálogo dixital do premio e constituirán a colección itinerante para as sucesivas exposicións que terán lugar en cidades galegas e portuguesas pertencentes ao Eixo Atlántico.

O fallo do xurado farase público o día da inauguración da exposición, cando tamén se fará entrega dos premios aos galardoados.

Premios

Concederase un premio Eixo Atlántico á mellor obra do certame, cun valor de 3.000 euros e dous segundos premios de 1.500 euros cada un, á mellor obra de autor portugués e á mellor obra de autor galego respectivamente.

Igualmente concederase o premio Novos Talentos Luso-Galaicos para novos artistas con idades comprendidas entre os 16 e os 25 anos, inclusive, cun valor de 1.500 euros.

Ademais, editarase un catálogo de tirada limitada con todas as obras seleccionadas que ademais poderá ser descargado na páxina web do Eixo Atlántico ou a través dun código QR que estará dispoñible nos lugares de exposición.

A Bienal de Pintura é organizada polo Eixo Atlántico, coa colaboración das entidades Fundación da Mocidade e Xunta de Galicia, a través da Secretaría Xeral de Cultura e da Dirección Xeral de Mocidade e Voluntariado.

Mostra pictórica transfronteiriza

A Bienal de Pintura nas súas doce edicións converteuse durante estas dúas décadas de vida nunha das tres con máis participación da Península Ibérica e unha referencia a nivel europeo porque é a única mostra pictórica de carácter transfronteirizo que poñen en valor a creación cultural dos artistas de dous países distintos desde a perspectiva da promoción dos territorios creativos e da industria cultural.

Durante este tempo a mostra deu a coñecer artistas que hoxe xa son unha referencia no ámbito cultural como é o caso de Berta Álvarez Cáccamo, Pedro Proença ou José Luis Otero, e tamén serviu de plataforma de lanzamento para novos artistas que nunca tiveran a posibilidade de dar a coñecer as súas obras a través da exposición itinerante que percorre quince cidades da Eurorrexión.

As obras gañadoras de cada edición quedan en propiedade do Eixo Atlántico, co que se está configurando unha colección que reflicte a creación pictórica da Eurorrexión durante estas últimas dúas décadas e que se prevé sexa aberta ao público nalgunha das cidades do Eixo.

OBarcoDeValdeorras

Nueva Ventana Xunta de Galicia
  • Rus
  • Eng