O día 8 estrearase Polos camiños do tempo, teatro na rúa sobre a historia local

29.08.17 12:41

Os próximos días 8 e 15 de setembro, a partir das 19 horas, terá lugar a representación de "Polos camiños do tempo", un percorrido teatral sobre a historia do Barco e Viloira, que transcorre entre a praza Maior e a Casa Grande en sete escenas nas que interveñen personaxes históricos representando algúns momentos salientables da historia local.

A peza foi escrita por Gustavo Docampo e realizada por Gargallada Teatro baixo a dirección de José Luis García Alejandre "Alex". O elenco está formado por Sol Rodríguez, Reyes Limia, Manuel Caramés, José Luis Conde, Lalo Santos, Silvia Cuesta, Aurora Fernández, Manuel González e os músicos Manuel Durán, Xoaquín Freixeiro, Xulio Parada e Óscar Guerra. É unha produción do Concello do Barco que a inclúe na programación das Festas do Cristo.

"Polos camiños do tempo" é unha peza teatral para ser representada polas rúas da parte vella do Barco e de Viloira, na que interveñen distintos personaxes históricos xunto a outros anónimos, que expresan e simbolizan aspectos do ser e do saber da nosa xente. É unha viaxe polo tempo, con todas as licenzas que o teatro permite, na que se refiren sucesos reais e outros imaxinados a partir deles, sen máis rigor histórico do que aconsella o sentido do relato, onde se constrúen os personaxes e se apoian accións e diálogos. Trátase dun itinerario onde se fala de nós e das nosas cousas, algunhas afastadas no tempo e que coñecemos pola transmisión oral, outras por estar documentadas ou publicadas por historiadores e algunhas porque forneceron, en parte grazas á fotografía, o imaxinario colectivo de noso.

Non se trata dun percorrido guiado para falarmos da nosa historia, por moito que haxa certo carácter descritivo ao incluír acontecementos reais no transcorrer da obra. Polas escenas creadas pasa a alma popular apegada ás tradicións, as diferenzas sociais e as disputas políticas, o caciquismo, a corrupción, o agromar do capitalismo e a empresa moderna, o espírito científico, o pensamento libre, a música popular ou a literatura. Todo iso e moito máis nas voces de homes e mulleres que nos soan, porque algunhas rúas levan o seu nome e por pouco máis. Homes e mulleres que pasaron á historia por unha ou outra razón. Serán vostedes, o público, os que poderán axuizar esta circunstancia, se senten curiosidade e queren facelo.

OBarcoDeValdeorras

Nueva Ventana Xunta de Galicia
  • Rus
  • Eng