Esta semana Aldaolado e Tres Pesos para finalizar o 5º ciclo De Perto

18.07.17 09:54

O martes 18 de xullo (22h30) na Beira do Sil-Malecón o dúo Aldaolado ofrecerá un espectáculo cunha outra maneira de ler poemas. O venres 21 á mesma hora na praza do Castelo do Castro, o trío Tres Pesos dará un concerto con musicas e cantos galegos de tradición oral para rematar o 5º ciclo De Perto.

Lucía Aldao e María Lado levan máis de dez anos escribindo e lendo poesía en público e elas mesmas non soportan a idea dun poeta aburrindo o público cos seus textos. Por iso inventaron hai xa 6 anos un formato de lectura dos seus poemas no que cantan as súas cancións favoritas -dende Janis Joplin ata Lou Red, pasando por outros clásicos do rock pock e do pock rock-, contan historias desternillantes que teñen que ver cos poemas ou coa súa azarosa vida de escritoras e propoñen ao público que se convirta en autores dadaístas a través de divertidos xogos. Todo o que faga falta para que o respectable asista a unha velada chea de poesía, emoción e sobre todo, risas.

Das aventuras ou desventuras amorosas de cada un e de cada unha, xorden paixóns desenfreadas, anos de martirio, cotas altas de felicidade, ansiedades varias, gozos e sombras. Dese caldo de cultivo xorden tamén os poemas que aldaolado recitan no seu novo espectáculo, poñéndolle moita música e moito humor ó amor máis romántico e ó amor máis miserable. Dúas poetas no escenario co corazón aberto en canal e escarallándose. Iso é Pendanga e oso, unha fábula que conta e canta o peor e o mellor do currículo amoroso da humanidade.

Tres Pesos serán a palabra cantada, a palabra na música tracional, nas cancións transmitidas oralmente de nais a fillos. Felisa Segade, Estevo Lamas e Xosé Antón Ferreira son Tres Pesos. Tres xeitos de facer, tres adictos á nosa música, tres caras da mesma moeda. Un proxecto, un soño. Tres músicos, tres voces e tres vidas vinculadas a ducias de proxectos culturais; Malveiras, Colexiata, Pradairo, Limagoia, A Ponte Vella, Ker-cuez, Estivada de Calo, Arreixeira, Leilía, Liceo de Noia, Brincadeira,... centos de horas sobre o escenario e miles fóra del soñando coa nosa música, coa nosa tradición. Ducias de mestres e centos de alumnos. A música é matemática e a matemática deste trío devolve nesta ecuación un resultado entrañable.

O proxecto nace ao longo do ano 2013 e sae a escea por primeira vez nas festas de San Pedro do ano 2014 en Santiago de Compostela. O seu primeiro traballo “Acta Fundacional” foi grabado nos estudios da Radio Galega Entre os meses de Xullo e Outubro do ano 2014 e concentra en 9 temas a esencia do que son os Tres Pesos. Música de raíz, música de hoxe.

OBarcoDeValdeorras

Nueva Ventana Xunta de Galicia
  • Rus
  • Eng