Comeza o cuarto ciclo De Perto, para gozar do verán cos creacións culturais

17.06.16 11:53

A cultura en espazos diferentes, no verán, en pequeno formato. De perto é o nome deste ciclo que vai pola súa cuarta edición. Velaquí tedes o cartaz coa relación dos actos programados, en interior e ao aire libre, para todos e para todas, para gozar do verán coas creacións culturais.

A concelleira de Cultura e Educación presentou a cuarta edición do ciclo De Perto_espazos de cultura no Barco que programa once eventos entre o 16 de xuño e o 22 de xullo. Concertos de grupos locais en igrexas do rural, o Ensemble de saxofóns estará o 22 de xuño (20h30) na igrexa de Santa María de Vilanova e o Orfeón Valdeorrés na de San Xoán de Éntoma, o 2 de xullo (20h).

Tamén no eido musical o De Perto inclúe un concerto de De Vacas, o exitoso grupo vocal que revolucionou as redes socias coas súas singulares versións de grandes éxitos do pop actual. Estarán o 15 de xullo na beira do Sil ás 20h30. O día anterior, 14 de xullo, a mesma hora haberá no mesmo lugar unha velada con dous dos máis grandes contadores de historias, o zamorano José Luis Gutiérrez "Guti" e o galego Celso Fernández Sanmartín.

Unha das propostas máis chamativas do cartaz é a actuación de Isaías Salazar Trío, un bailaor de flamenco galego que se acompaña dunha cantaora, tamén galega, e un guitarrista afincado en Galicia. Esta curiosa expresión de flamenco de aquí poderá verse no Castelo do Castro o 8 de xullo (22h30). Neste mesmo lugar despedirán o De Perto os Tornaxeira, o grupo folc valdeorrés ofrecerá un concerto o 22 de xullo ás 22h30.

O programa inclúe un pequeno ciclo de cinema documentario de temática rural. Poderanse ver na Casa Grande de Viloira (Sala Julián Trincado) tres filmes: Cesteando de Plácido Romero, Os días afogados de César souto e Luis Avilés e A Seara de Pepe Coira, os martes 5, 12 e 19 de xullo respectivamente ás 20h30.

De Perto abriuse onte coa exposición iFala que conmemora o centenario das Irmandades da Fala e continúa o domingo 19 de xuño coa última das Camiñadas Culturais que trancorrerá entre O Barco e Valencia do Sil para visitar o asentamento castrexo situado no lugar do Castelo, daquela localidade.

OBarcoDeValdeorras

Nueva Ventana Xunta de Galicia
  • Rus
  • Eng