Teatro Muxicas presenta O inspector este venres no TLO

12.11.18 10:45

O grupo de teatro Muxicas, composto por actrices e actores invidentes e pertencente á ONCE, trae ao TLO, este venres 16 de novembro (21h), o seu espectáculo O inspector, de Nikolai Gogol, con dirección de Tito Asorey.

O grupo vén de gañar o Premio do Público na XI Mostra de Teatro Amador “Terras do Orcellón” do Carballiño hai só uns días.

Muxicas é un colectivo artístico formado na súa maioría por actrices e actores cegos ou cunha discapacidade visual grave. Impulsado pola delegación da ONCE en Ourense, leva case vinte anos facendo posible que persoas con estas características poidan achegarse con profesionalidade, rigor e compromiso artístico a un mundo, paradoxicamente tan visual, como é o da Arte Dramática.

Dende o ano 2007 a dirección do grupo recae en Tito Asorey, recoñecido profesional do teatro ourensán, actor e director de escena, co que levan postos en escena nove espectáculos que puideron ser vistos en escenarios de todo o país. O grupo foi galardoado no ano 2012 co Premio Max ao mellor labor en prol do teatro afeccionado.

O obxectivo desta agrupación artística é dobre: dunha banda, loitar pola inclusión deste colectivo no eido escénico, eliminando os prexuízos e os falsos mitos existentes respecto ao mundo da cegueira, e doutra, traballar cunha vontade claramente artística, unindo esforzos para ofrecer espectáculos que poidan ser disfrutados por todo tipo de público, independentemente de que sexa vidente ou invidente.

O inspector:

A unha localidade gobernada por políticos corruptos chega a nova de que na cidade apareceu un inspector do goberno para realizar unha auditoría sobre as contas públicas e elaborar un estudio sobre a limpeza das prácticas políticas dos seus dirixentes.

Ante esta situación, os gobernantes entran en pánico, procedendo á destrución de todas as probas que os poidan comprometer. Comezará así unha espiral descendente de submisión cara ese inspector, ofrecéndolle todo tipo de agasallos e subornos, chegando a límites insospeitados de tolemia e indignidade.

O inspector é unha comedia de ritmo frenético, onde dez actrices e actores, na súa maioría invidentes ou con discapacidade visual grave, dan vida nas táboas ao clásico texto de Nikolái Gógol, versionado e dirixido para esta ocasión por Tito Asorey.

OBarcoDeValdeorras

Nueva Ventana Xunta de Galicia
  • Rus
  • Eng