Europa integrará a liña ferroviaria A Coruña-Vigo-Ourense-Monforte-O Barco-Palencia no Corredor Atlántico

24.05.18 13:49

O alcalde do Barco e presidente o Eixo Atlántico, Alfredo García, e o secretario xeral da entidade, Xoán Vázquez Mao, reuníronse esta mañá en Bruxelas con Carlo Secchi, coordinador europeo da rede Transeuropea de Transportes, para defender a inclusión da liña A Coruña-Vigo-Ourense-Monforte- O Barco-Palencia no Corredor Atlántico, enlazando coa parte do devandito corredor xa aprobado entre Aveiro e a fronteira francesa.

Durante a reunión Carlo Secchi confirmou a Alfredo García que a liña A Coruña-Vigo-Ourense-Monforte-O Barco-Palencia será proposta pola Comisión Europea o próximo 6 de xuño para a súa integración no Corredor Atlántico, e logo remitida para a súa ratificación polo Parlamento e Consello Europeo.

A previsión para a ratificación definitiva é de 1 ano aínda que o actual Parlamento ten intención de aprobalo antes das próximas eleccións europeas. En calquera caso a proposta será oficializada antes do 2020 para que poida ser cofinanciada no 2021 cos fondos do novo marco comunitario. A Comisión Europea realizará entre o 2021 e 2023 unha revisión do estado das obras para garantir que no 2030 como máximo toda a rede europea estea finalizada.

A Comisión Europea abriu recentemente un prazo para que os gobernos nacionais puidesen propoñer alteracións ou incorporacións ás propostas que aprobou a Comisión no ano 2010, cando se aprobou a Rede de Corredores Ferroviarios Europeos. Recentemente o Goberno español incluíu a proposta aproveitando o prazo referido, o que supuxo un gran avance na reivindicación do Eixo Atlántico.

A decisión será tomada pola Comisión Europea o próximo 6 de xuño polo que o presidente do Eixo Atlántico consideraba imprescindible trasladar á Comisión a importancia do corredor, o seu impacto socioeconómico e o consenso social xeneralizado que conseguiu. Neste sentido entregóuselle a Carlo Secchi un dossier que inclúe as certificacións dos acordos plenarios a favor do corredor que adoptaron no último mes a entidades municipais, empresariais e sociais que asistiron ao cume do Barco o pasado día 16 de marzo tanto de Galicia como do Bierzo e Astorga.

Secchi considerou de gran importancia os acordos plenarios que Alfredo García entregoulle, resultado do cume do Barco, xa que o consenso social é determinante para a ratificación do Parlamento. Tamén considerou moi positivo o consenso existente entre o Goberno Español, o Eixo Atlántico e a Xunta de Galicia para que o proceso chegue a bo fin.

Esta reunión foi acordada a principios de abril e comunicada o presidente da Xunta na reunión que por este tema mantiveron o 7 de maio e na que Alfredo García instoulle a impulsar o Pueto Seco de Monforte, outra das reivindicacións históricas do Eixo e infraestrutura imprescidible para concentrar as mercadorías galegas e viabilizar os novos trens de 750 metros que circularán polos corredores europeos de transporte ferroviario.

Neste sentido, Carlo Secchi indicou que o Porto Seco de Monforte era unha moi boa solución para a competitividade da liña.

 

OBarcoDeValdeorras

Nueva Ventana Xunta de Galicia
  • Rus
  • Eng