DailyCBD DailyCBD DailyCBD DailyCBD

Concello do Barco : O xoves 15 concerto de arpa do Festival Via Stellae

O xoves 15 concerto de arpa do Festival Via Stellae

08.07.10 11:48

O próximo xoves, 15 de xullo, terá lugar na Casa de Río Cigüeño, a partir das 20h30, un concerto do arpista Manuel Vilas dentro da programación do V Festival Vía Stellae, que inclúe por primeira vez varias localidades do Camiño de Inverno, entre elas O Barco.

Manuel Vilas ofrecerá un concerto de arpa de dúas ordes que incluirá pezas dos séculos XVI e XVII agrupadas baixo o título de “A arpa imperial, douscentos anos de música para arpa nos territorios hispánicos”, o festival Vía Stellae celebrará este evento no Barco con entrada libre ata completar o aforo.

Naceu en Santiago de Compostela e estudou arpas antigas dos séculos XII a XVIII, en Madrid con Nuria Llopis e en Milán con Mara Galassi. Colaborou con numerosos grupos como Les Musiciens du Louvre, Al Ayre Español, Musica Ficta, Capela de Ministrers, Ensemble Elyma, Camerata Iberia, Orquestra Barroca de Sevilla, La Trulla de Vozes, Ars Longa, Lyra Ensemble, etc., nos máis importantes festivais de España, Alemaña, Cuba, Estados Unidos, Ecuador, República Checa, Austria, Portugal, Suíza, Francia, Bolivia, Bélxica, Italia, Arxentina, Chile, Holanda, etc. Tamén realizou concertos como solista en Holanda, Chile, España, Estados Unidos e Cuba.Colaborou como acompañante e solista en máis de corenta discos con diferentes grupos e discográficas e participou en producións operísticas en París, Viena, Madrid, Xenebra, México, Múnic, etc. Ofreceu conferencias e cursos en diferentes países e foi o primeiro arpista en ofrecer un curso de arpa barroca española en Estados Unidos e en Cuba.

É pioneiro no estudo e interpretación de certas arpas hoxe totalmente esquecidas, como a arpa dobre que circulou pola Coroa de Aragón (s. XIV) e a arpa misional chiquitana (Bolivia, s. XVIII), coa que ofreceu no Via Stellae 2009 o primeiro recital de música chiquitana para arpa.

Actualmente está centrado nun ambicioso proxecto de recuperación de pezas vocais do barroco español interpretadas exclusivamente co acompañamento da arpa de dúas ordes, tal como se facía na época, do que xa se publicaron tres discos: coas sopranos Raquel Andueza (Naxos) e Estrella Estévez (Arsis) e coa mezzo Marta Infante (Enchiriadis). En 2008 fundou Ars Atlántica e con este grupo é director artístico do proxecto de gravación dos cen tonos humanos do Manuscrito Guerra nunha colaboración co Festival Via Stellae, a Radio Galega e a discográfica inglesa Naxos.

OBarcoDeValdeorras

Nueva Ventana Xunta de Galicia
  • Rus
  • Eng