Vinte representacións e concertos de aquí a finais de ano
O concelleiro de Cultura Eduardo Ojea presentou a programación do TLO para o derradeiro trimestre deste ano. O concello do Barco conta con achegas da Concellaría de Cultura e Deporte, a Deputación de Ourense e Caixanova para desenvolver un total de 20 representacións de 17 espectáculos de teatro, música e danza.
Eduardo Ojea, que estivo acompañado polo técnico de cultura, Gustavo Docampo, salientou a variedade e calidade dos espectáculos programados e anunciou a exposición itinerante “Un país desde as táboas. 125 anos de teatro galego” que conmemora este aniversario por iniciativa da Consellaría de Cultura, e que será inaugurada o próximo martes 30 de outubro ás 20:00 h. no vestíbulo do teatro.
O Teatro clásico é unha constante en calquera programación, adaptado cunha dramaturxia moderna que pon as obras máis preto da xente de hoxe. Aos textos de William Shakespeare, “Romeo e Xulieta” do Teatro do Noroeste que abre a tempada, ou “Noite de Reis ou o que queirades” que dirixe Quico Cadaval para o Centro Dramático Galego, hai que sumar “O burgués fidalgo” de Moliére que montou Teatro do Morcego. Nesta mesma categoría pode incluirse o célebre “Cyrano” de Edmund Rostand cunha excelente dirección de Álvaro Lavín para o Teatro Meridional e que será sen dúbida un dos pratos fortes da temporada.
Tamén hai teatro contemporáneo na programación para adultos do TLO. “Arte” a peza escrita por Yasmina Reza e que ten cautivado ao público de medio mundo foi montada en galego por Fulano Mengano e Citano dirixidos por Celso Parada. “Pareja Abierta” do nóbel italiano Dario Fó é un texto de referencia para un teatro de compromiso coas preocupacións da muller e do home de hoxe en día, será a Cía. de Blanca Marsillach a encargada de poñelo en escena coa dirección de Esteve Ferrer.
Dúas obras de dramaturgos galegos actuais completan a oferta teatral de outono: “Margar no pazo do tempo” é un excelente texto de Ángeles Cuña sobre a exclusión e a liberdade nas sociedades modernas que representa Sarabela baixo a súa dirección. “Final de película”, o texto co que Gustavo Pernas Cora obtivo o Rafael Dieste e gañou o premio ao mellor autor galego nos Premios Max 2007, será representado pola súa compañía Ancora Produccións.
O Teatro infantil ten o seu espazo con catro espectáculos doutras tantas compañías galegas de recoñecido prestixio e traxectoria neste eido: Títeres Trompicallo con “Bolboreta” unha obra para nenos a partir de 4 anos sobre texto da propia compañía e dirección de Santiago Montenegro; Sarabela Teatro con “Cristobo e o libro das marabillas”, unha historia sobre o descubridor de América ideada e dirixida por Fina Calleja para nenos de 6 a 12 anos; Talía Teatro que recupera o excelente “O Merlo Branco” de Cándico Pazó baixo a dirección de Artur Trillo e a última dos Monicreques de Kukas, “Sen título”, onde Marcelino de Santiago xoga con nenos e maiores para achegarlle o proceso de creación plástica. As tres últimas formarán un ciclo para as vacacións de Nadal.
A danza está representada por “Engado” de Nova Galega de Danza, con música en directo é un agasallo para os sentidos que ninguén debería perderse. Tres concertos de música de cámara están incluídos na Rede Galega de Teatros e Auditorios. Trátase do veterano Quinteto Santa Cecilia, de vento e metal, do Dúo de Percusión Intermissión que presenta o programa “En trance” e da Orquestra de Cámara Solistas de Galicia que dirixe Yuri Moriatov que ofrecerá un programa que inclúe composicións de autores galegos. Finalmente o público do Barco poderá asistir a unha escolma das máis coñecidas pezas do repertorio de Zarzuela interpretada pola Coral Solera Berciana de Ponferrada acompañada pola Orquestra da Escola de Música Ciudad de Ponferrada.