O topónimo “Valdeorras” e a nosa lingua no programa Ben falado! da TVG

22.05.09 09:05

O portal web da Televisión de Galicia ofrece a posibilidade de ver o espazo dedicado a explicar a orixe e mais o significado deste antigo topónimo, a experiencia do contacto coa lingua galega do alumnado inmigrante no instituto Lauro Olmo e interesantes referencias á fraseoloxía propia da comarca.

Ben falado! é un microespazo da Televisión de Galicia, de cinco minutos diarios, dedicados á lingua galega, dirixido e presentado polo académico e secretario do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades, Xesús Ferro Ruibal.

O capítulo número 50, emitido inicialmente pola canle autonómica o día 26 de setembro, está agora pendurado na sección “Televisión á carta” para a súa descarga polos/as internautas. Nel poderán coñecer o proceso de formación do topónimo de orixe prerromana “Val-de-orras”, a experiencia de aprendizaxe da nosa lingua polos/as alumnos/as do IES Lauro Olmo, así como algunhas mostras da rica fraseoloxía galega recollidas na nosa comarca e explicadas dun xeito ameno e accesíbel por Xesús Ferro Ruibal.

No programa número 25, con data de emisión do 22/08/2008, aparecen máis contidos referentes ás actividades desenvolvidas neste centro de ensino do Barco, ademais dun breve comentario lingüístico de frases feitas propias da bisbarra.

Ben falado! é como un prato combinado, pois o telespectador accederá a explicacións do seu apelido e do nome do lugar onde vive; a curiosidades léxicas, gramaticais e ortográficas; ao sentido de ditos e refráns. Este espazo reflicte como se move a lingua nos colexios, nos institutos, nos movementos xuvenís, nas empresas, na Internet. Tamén amosa o que foi a lingua galega na Idade Media e o que é hoxe nun contexto internacional: novas tecnoloxías como tradución automática, a síntese de voz, o mundo dos blogs, o Punto Gal, as televisións escolares en galego, etc. O programa coñece a especialistas estranxeiros que traducen a nosa literatura ás súas linguas ou que fan dicionarios bilingües para poderen despois traducir do galego ás súas linguas e viceversa. Este é un microespazo lingüístico con propósito de divulgación científica. Tamén a infancia está presente para dar a ver a enorme creatividade que a lingua galega esperta maiormente na infancia, na xente moza, no mundo literario ou musical, no sector sanitario, no empresarial.

(SNL)

OBarcoDeValdeorras

Nueva Ventana Xunta de Galicia
  • Rus
  • Eng