O tesouro dos ríos galegos na sala Caixanova do Barco

26.02.09 09:35

Desde hoxe e ata o 14 de marzo poderá verse na sala Caixanova a interesante mostra fotográfica “Ríos de Galicia. Tesouros de vida” de José Luís González, consta de 50 instantáneas sorprendentes e de alta calidade realizadas tras 15 anos de traballo e investigación deste prestixiosos fotógrafo submarino.

A través das súas lentes captou imaxes sorprendentes, que reflicten "o bulicio da vida que se esconde no silencioso interior dos fermosos ríos galegos". A lontra, a vexetación subacuática, a cobra, o galápago ou o bosque de ribeira, protagonizan instantáneas que reflicten a gran beleza duns ecosistemas que resisten aínda os embates da modernidade, e que como fráxiles tesouros é necesario manter a recado.

Director da Semana de Cine Submarino de Vigo desde a súa primeira edición, José Luís González, ademais, foi galardoado polo seu traballo como fotógrafo en numerosos certames nacionais e internacionais. Entre outros recoñecementos, José Luís González foi premiado tres anos consecutivos no certame da BBC Wildlife Photographer of the Year (1999, 2000 e 2001), e é colaborador en numerosas publicacións e revistas nacionais e internacionais como Geo ou National Geographic.

Esta exposición sobre os ríos, que comeza a súa viaxe pola nosa comunidade autónoma en Ourense, visitará diferentes localidades galegas, do mesmo xeito que fixo a súa predecesora "As cores do mar en Galicia", impulsada tamén por José Luís González pero centrada nos fondos mariños, dos que tamén facía unha defensa. "As cores" itinerou da man de Caixanova desde o ano 2002 ata fai poucos meses, e nese tempo foi mostrada en 74 localidades de Galicia, en Madrid e en Barcelona, sendo visitada por máis de 150.000 persoas.

O documental que, xunto coa unidade didáctica complementa este proxecto "Ríos de Galicia", foi realizado por Manuel E. García Branco e o seu equipo. Esta produción audiovisual supón unha excitante viaxe sonora e visual no coñecemento da flora e a fauna, así como do hábitat dos ecosistemas fluviais galegos.

Para rematar, a unidade didáctica para escolares foi especialmente elaborada para este proxecto pola Universidade de Vigo, concretamente polo Departamento de Ecoloxía e Bioloxía Animal. Está dividida en tres bloques que abordan respectivamente o estudo do río e as súas características, o dos seus habitantes e o da súa contorna. A través dela preténdese que os escolares galegos coñezan e valoren este gran patrimonio natural e adopten modos de comportamento que favorezan o seu coidado, contribuíndo deste xeito á defensa, conservación e mellora dos ecosistemas fluviais.

SMC

 

OBarcoDeValdeorras

Nueva Ventana Xunta de Galicia
  • Rus
  • Eng