O xornalista e escritor José Antonio Gurriarán faleceu onte aos 80 anos

01.04.19 13:33

José Antonio Gurriarán López morreu onte en Madrid. Escritor e xornalista barquense, exerceu a súa profesión en numeroros medios escritos e de TV, mostrando sempre unha ollada atenta á vida da xente, ao acontecer e a historia da súa comarca natal.

Naceu no Barco o 7 de xullo de 1938, estudou bacharelato na Academia Dequidt. Moi novo iniciouse como xornalista, con esporádicas colaboracións no xornal local Sil e nas emisora Ondas del Sil. Foi a Salamanca a estudar preuniversitario, e a Madrid xornalismo. Realizou os seus primeiros traballos na axencia Hispania Press: páxina de Madrid La Noche -reportaxes escritas e radio-. Ingresou no diario El Alcázar, onde foi redactor de sucesos, xefe de sección e enviado especial en lugares diversos, de España e do estranxeiro: viaxes do papa Pablo VI a Fátima e Pomezia, a India -onde entrevistou a Indira Gandhi e fixo varias reportaxes polo país-, Nova York, Dallas, Fort Worth, Texas: investigación sobre a morte de John F. Kennedy, entrevistou os asesores do presidente asasinado, ao seu substituto Lyndon B. Johnson, a Mariña Oswald, ao shériff Bill Decker, etc...

Pasou por Teleradio -artigos e entrevistas- e por La Semana dirixida por Jesús María Zuloaga, cando era revista de información: realizou entrevistas a Salvador Dalí, aos duques de Windsor, a Jacqueline Kennedy, etc. Despois de ano e medio como director do Diario Montañés ingresou no diario Pueblo como redactor xefe; será despois subdirector e director e cubrirá diferentes acontecementos mundiais: entrevistas con Neil Armstrong, Juan Domingo Perón, Diego Maradona , Jean-Paul Belmondo, etc. Foi tamén director da edición española da publicación internacional Revista de Geografía Universal, presentada en Madrid o 23 de decembro de 1976. Entre 1977 e 1978 dirixe El Socialista, órgano de expresión do PSOE.

En Televisión Española ocupou cargos directivos, fixo viaxes ás repúblicas iberoamericanas, a Unión Soviética, Europa, e entrevistas e reportaxes: primeira entrevista a Felipe de Borbón, cando o príncipe de Asturias estudaba en Lakefield, Canadá, aos presidentes chilenos Eduardo Frei e Ricardo Lagos, e ao presidente arxentino Raúl Alfonsín.

En decembro de 1980, cando Gurriarán saíu do edificio do diario Pueblo, pensaba ir ver unha película coa súa esposa e mentres camiñaba pola Gran Vía de Madrid ouviu unha gran explosión. Con curiosidade e afán profesional achegouse para velo, estalara a fachada de Swissair. Entrou entón nunha cabina de teléfonos próxima para chamar a un compañeiro fotógrafo do seu xornal e nese momento estalou outra bomba, pero aos seus pés. Houbo nove feridos, entre eles Gurriarán.

Aínda no hospital -onde loitou para salvar as súas pernas- comezou a ler libros e materiais sobre o caso e a historia dos armenios. Cando saíu do hospital, Gurriarán quixo coñecer aos quen lle puxeran a bomba. Un ano despois, en 1982, en Líbano, atopou aos líderes do ESALA (Exército Secreto Armenio para a Liberación de Armenia), e reuniuse con eles. A bomba, que foi traducido ao armenio e ao francés, tivo gran repercusión internacional. En maio de 2015 o director de cinema Robert Guédiguian presentou no Festival de Cannes a película Une histoire de fou [Unha historia de tolos], baseada neste libro.

Tras oito anos como correspondente de TVE en Lisboa, entrou na Radio e Televisión de Andalucía (RTVA) como director de Informativos e será nomeado, despois, director dunha segunda cadea que el creou; fundou o espazo Andalucía directo, contratou a Jesús Quintero -que levaba anos afastado da pantalla-; fixo un informativo que presentaba, por vez primeira, unha cega: Nuria del Saz.

Canso do traballo de despacho pediu ir, como correspondente, á delegación vacante de Bruxelas, que desempeñou durante catro anos. Visitou os 25 países membros, cubriu o Parlamento Europeo de Estrasburgo, os consellos de ministros de Luxemburgo, os cumes comunitarios e cuantos viaxes puido da troika comunitaria e viaxou con eles de India a Paquistán, de Siria a Líbano, da antiga Iugoslavia a Estonia, de Afganistán á República Checa, etc.

En 2006, e xa en España de novo, foi elixido vicepresidente do Club Internacional de Prensa de Madrid, no que pouco despois ocupou a presidencia.

Gurriarán é autor dos libros ¿Caerá Allende? (1973), Evasión. El Papillón español (1974), La Bomba (1982), Chile: el ocaso del general (1989), prologado por Felipe González, a guía Lisboa, una ciudad inolvidable (1998), El Rei en Estoril (2000), Armenios (2008) e o derradeiro As Mulleres do Monte (2015), o único que escribiu en galego no que recolle numerosas historias da represión da guerra e da posguerra en Valdeorras .

OBarcoDeValdeorras

Nueva Ventana Xunta de Galicia
  • Rus
  • Eng