Concerto d´A Banda da Loba este venres no De Perto

09.07.19 11:48

A Banda da Loba é un quinteto de mulleres que fan cancións con influencias musicais diversas, letras coidadas e un estilo propio. Estarán no De Perto este venres 12 de xullo ás 22h30 no Malecón ao pé do río.

O grupo está integrado por cinco mulleres que uniron as súas traxectorias individuais para crear un proxecto colectivo: Andrea Porto (guitarra e baixo), Estela Rodríguez (violín), Inés Mirás (guitarra e teclado), Marcela Porto (batería e percusións) e Xiana Lastra (voz).

Mesturando pop, blues, folk, rock e sons tradicionais crean un estilo musical de seu, heteroxéneo e singular. Bailando as rúas é o título do seu primeiro traballo, enteiramente autoproducido e editado a finais de 2017. En marzo de 2018 gañaron o certame aRi[t]mar de música galega portuguesa.

A identificación da banda con Pepa a Loba, a lendaria bandoleira galega do século XIX, vén da pretensión de darlle valor á capacidade da muller e á necesidade de que a muller colla as rendas e sexa consciente de que pode facelo todo sen axuda de ninguén, como A banda da Loba as súas cancións, os seus discos, o deseño gráfico, a autoprodución da xira. Asemade, expresan o seu desexo de dar outra acepción á loba como animal, moitas veces empregada coma un insulto.

 

OBarcoDeValdeorras

Nueva Ventana Xunta de Galicia
  • Rus
  • Eng