dd Concello do Barco : Este venres no TLO Mofa e Befa presenta Cranios privilexiados

Este venres no TLO Mofa e Befa presenta Cranios privilexiados

15.01.18 12:56

A partella cómica Mofa e Befa (Evaristo Calvo e Vitor Mosqueira) presenta este venres 19 de xaneiro (21h) no TLO a súa última montaxe: "Cranios privilexiados ou crítica da razón perralleira", teatro filosófico para entreter e divertir, con dirección de Carlos Santiago.

O argumento preséntanos a Mofa e Befa nun momento de crise existencial que deciden superar comendo, como manda a tradición perralleira. Para iso organizan unha merenda de resonancias platónicas debaixo dunha ponte, onde a alianza entre a desesperación e a sobriedade dos alimentos, provoca un febril momento de ascetismo. As alucinacións sucédense, e a obrigada reflexión sobre o absurdo da existencia, o confuso devir do mundo ou a natureza ferinte do amor, vese salpicada pola aparición de filósofos, seres mitolóxicos, antigas personaxes do propio repertorio, e outras presenzas enigmáticas máis ou menos actuais, que acompañan e comprometen a tentativa desesperada de Mofa e Befa por aprender a pensar, para pensar no que facer.

Tal vez nesta sucesión vertixinosa de situacións e personaxes, reducido o diálogo filosófico a maltratada comparsa da vontade cómica, as grandes preguntas queden sen resposta, tal vez os límites da razón perralleira sexan tan estreitos que esta apenas sexa quen de comprender minimamente a realidade. Con todo, a intención, é só entreter ao público, mesmo coas filigranas e peripecias do pensamento abstracto, e mesmo que iso aboque ao fracaso máis estrepitoso. Aceptar o fracaso, non é só a secreta ambición da filosofía como a premisa de vida de todo pallaso. E diso é do que se trata.

OBarcoDeValdeorras

Nueva Ventana Xunta de Galicia
  • Rus
  • Eng