DailyCBD DailyCBD DailyCBD DailyCBD

Concello do Barco : Treixadura presenta Inda canto no TLO o venres 5 de abril

Treixadura presenta Inda canto no TLO o venres 5 de abril

29.03.19 10:13

Treixadura, unha das agrupacións de referencia na música galega, presenta Inda canto, o seu último disco, nun concerto que terá lugar o venres 5 de abril ás 21 horas no Teatro Lauro Olmo do Barco. As entradas poranse á venda unha hora antes do concerto na billeteira do Teatro e poden adquirirse con antelación na tenda TonySon.

Treixadura ofrece desde 1990 un espectáculo musical sorprendente a través de dúas concepcións ben arraigadas na tradición galega: o canto e a gaita. O resultado é unha proposta artística que recupera a música tradicional e, á súa vez, representa unha achega á cultura a través das súas composicións e a recuperación de pezas e cancións populares.

Fieis ao compromiso co seu público, tentando elevar a música tradicional ao máximo nivel, Treixadura foi modelando o seu camiño transformando o estilo, sen renunciar ao seu son característico. Ao longo da súa traxectoria son moitas as melodías que rescataron do anonimato e outras tantas creadas para que a cadea de transmisión da música tradicional continúe viva. Un xeito de facer cunha personalidade moi característica, de fiar a raíz musical da nosa cultura co xeito de entender hoxe a música tradicional.

28 anos de gravacións e concertos, 7 discos no mercado, unha variada gama de colaboracións discográficas e vida en común, compartindo co público o poder e a forza evocadora, máxica e reconfortante do canto colectivo.

O concerto forma parte da programación da Rede de Auditorios da provincia de Ourense.

OBarcoDeValdeorras

Nueva Ventana Xunta de Galicia
  • Rus
  • Eng