dd Concello do Barco : Yolanda Castaño estará o martes 25 de xuño no ciclo De Perto

Yolanda Castaño estará o martes 25 de xuño no ciclo De Perto

19.06.19 08:49

Yolanda Castaño é unha das voces poéticas de maior proxección na literatura galega actual. No seu último libro O puño e a letra (Xerais, 2018) a poesía dialoga co cómic. Estará no ciclo De Perto este martes, 25 de xuño, ás 20h30 no Xardín da Casa Grande de Viloira.

Yolanda Castaño (Santiago de Compostela, 1977) licenciouse en Filoloxía Hispánica na Universidade da Coruña, cidade na que reside dende os anos 90.

Tendo apenas dezasete anos gañou o Premio Fermín Bouza Brey de Poesía, o que lle permitiu darse a coñecer coa publicación de Elevar as pálpebras (1995). A partir dese momento iniciou unha carreira meteórica que a levou a publicar algún dos títulos máis destacados da lírica galega das últimas décadas, como Vivimos no ciclo das erofanías (1998) Premio Johán Carballeira e Premio da Crítica Española; Profundidade de campo (2007) Premio Espiral Maior ou A segunda lingua (2014) Premio de Poesía Afundación.

Secretaria Xeral da Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG) e directiva da mesma durante anos, o seu intenso labor como conferenciante, recitadora e articulista convértea nunha inestimable embaixadora da literatura e a cultura de Galicia, que ten representado en diversos foros por todo o orbe, incluído Arxentina e outros países de Hispanoamérica, como Venezuela, Perú, Colombia ou Nicaragua.

Guionista e presentadora de televisión, comisaria de mostras de Arte e poesía, autora infantoxuvenil, tradutora e ensaísta, a súa escrita tense vertido a unha vintena de idiomas.

Dende hai máis dun lustro dirixe na Coruña o ciclo Poetas Di(n)versos, foro mensual no que creadores galegos e de todo o mundo recitan os seus textos. Na mesma liña, coordina tamén un Obradoiro Internacional de Tradución Poética que se celebra cada outono na emblemática illa de San Simón, próxima a Vigo, evento no que teñen participado autores das máis variadas procedencias e continentes.

Nos últimos anos traballou intensamente en proxectos nos que a poesía (propia e non só) hibrida con outras artes, como a plástica, música, performance, danza, arquitectura, audiovisual ou mesmo a gastronomía. Desta fusión interartística teñen nacido interesantes publicacións como o libro-cd Edénica (2000) ou a súa colaboración como letrista de músicos como Guadi Galego ou Rosa Cedrón.

OBarcoDeValdeorras

Nueva Ventana Xunta de Galicia
  • Rus
  • Eng