Bernarda de Malasombra producións abre este venres a temporada teatral

10.02.20 10:32

Malasombra producións presenta Bernarda, un texto de José Prieto, quen tamén dirixe ás actrices Celia González, Luisa Merelas e Esther Aja que lle dan vida a esta historia eterna de choque xeracional, de loita entre o inmobilismo e as novas ideas, situada neste caso na Galicia dos últimos anos do franquismo. O venres, 14 de febreiro (21h) no TLO.

“Bernarda” é unha historia próxima, comprensible e universal. Todos coñecemos no noso entorno a alguén como Bernarda, e todos temos un pouco de Bernarda no noso interior, porque ese choque xeracional entre pais e fillos é unha constante universal, e dependendo de que lado esteamos vemos a realidade de forma totalmente diferente. Cando somos fillos queremos rachar coas normas que nos impoñen, e cando somos pais vémonos na obriga de ser nós os que as impoñamos, polo seu ben, e ese choque entre xeracións que conviven na mesma casa é inevitable.

Este choque xeracional, que como na vida mesma tamén ocorre en “Bernarda”, por veces fainos chorar, porque ás veces as situacións vólvense tensas e duras, e por veces fainos rir, porque igual que na vida, ata nas situacións máis extremas xorde a risa como unha necesidade de desafogo e de liberación. Isto é o que en “Bernarda” demos en chamarlle, humor de tanatorio ou risa de funeral, que tamén é unha constante durante todo o espectáculo.

Bernarda é unha muller dura e loitadora, produto da vida que lle tocou vivir, cunha infancia dura de posguerra que a forxou nuns principios ríxidos e inamovibles. Ao morrer o marido ten que asumir o papel de pai e de nai, e educa ás súas fillas como mellor sabe, como aprendeu, e todo o que fai non o fai por mal, todo o contrario, faino porque pensa que é o mellor para elas. As fillas, en cambio, non o ven así, aínda que como tamén entre elas son diferentes, discuten moitas veces sobre se no fondo Bernarda é pobriña ou é mala.

Bernarda, ó quedar viúva, tenta que todo siga sendo igual que sempre, como foi toda a súa vida, e que as “malas” influenzas dunha sociedade en proceso de transformación non cheguen ás súas fillas nin a ela mesma. Bernarda non entende a música yeyé, nin as minisaias, nin os guateques, nin ningunha das novas modas da xuventude da época, e a súa intención é moi clara: “Mentres eu viva, nesta casa non vai cambiar nada e as cousas vanse facer como se teñen que facer.” O público presente coñecerá se chega a conseguilo ou non.

OBarcoDeValdeorras

Nueva Ventana Xunta de Galicia
  • Rus
  • Eng