Sarabela Teatro representa este venres A idade da pavía

20.10.15 09:53

Sarabela Teatro presenta este venres, 23 de outubro, no TLO (21h00) "A idade da pavía" unha obra repleta de realismo máxico, onde se mistura retranca e tenrura con momentos de dor, coa memoria como referencia. As entradas (5 euros) á venda desde una hora antes.

O arxentino Arístides Vargas, autor de A nosa señora das nubes, agasállanos con esta peza preñada de sensibilidade na que dúas irmáns, Eleonora e Celina, rememoran a súa infancia e a vida de tres xeracións dunha familia de mulleres. Nove mulleres nunha vella casa onde calquera cousa podía suceder.

A idade da pavía é un xogo sobre o tempo e a idade, unha traxicomedia que deambula polos borrosos límites da soidade e da ridiculez cunha linguaxe poética e retranqueira na que se agocha a crítica á sociedade e que conmove, fai rir, chorar, soñar, gozar e arelar vivir ben o vivido.

A obra chega da man de Sarabela Teatro, compañía con máis de 30 anos facendo teatro e recollendo premios e recoñecementos. Ánxeles Cuña dirixe un reparto integrado por Fina Calleja, Nate Borrajo, Sabela Gago e Fernando Dacosta.

OBarcoDeValdeorras

Nueva Ventana Xunta de Galicia
  • Rus
  • Eng