O venres na Biblioteca presentación do libro A luz da chuvia

21.01.20 08:42

Este venres, 24 de xaneiro, ás 20 horas terá lugar na Biblioteca Municipal FDG a presentación do libro A luz da chuvia (Toxosoutos, 2019) de Delfín Caseiro e Antón Jardón. O acto será presentado por Gustavo Docampo e contará co acompañamento musical de Anxo Rei.

A obra de Caseiro e Jardón, ambos membros do Padroado do Museo da Limia e colaboradores co Centro de Cultura Popular da Limia na edición da revista Lethes, é unha crónica amena de tempos pretéritos, de andar camiños de terra que levan carros de persoas dun lugar a outro, de comunicación íntima coa terra produtiva, coa natureza entusiasta. En A luz da chuvia o lector atopará a miseria dos días e a friaxe das noites aliviadas coas celebracións lúdicas que chegan co sol e luz xenerosa do progreso e da liberdade. Unha narración que xoga con situacións e aconteceres que perduran na fecunda memoria colectiva.

Delfín Caseiro (Rairíz de Veiga, 1954) é catedrático de Lingua e Literatura Galega e Inspector de Educación, traballou como docente no IES Martaguisela do Barco. Ten publicado varios libros, ensaios sobre diversos autores galegos e colabora en varios xornais e revistas culturais.

Xosé antón Jardón (Vilar de Santos, 1952) foi secretario interventor de administración local, alcalde de Vilar de Santos, deputado provincial, vicepresidente da FEGAM e delegado da Consellería de Industria no bipartito. É colaborador de varios diarios e revistas culturais.

OBarcoDeValdeorras

Nueva Ventana Xunta de Galicia
  • Rus
  • Eng