Santa Mariña do Monte: Fervenza, O Meiral (Santa Mariña)
Polos cumes do termo municipal do Barco, a uns 860 m de altitude e ao abeiro do Alto do Mouzón, aséntase Santa Mariña do Monte, parroquia que nos ofrece unhas vistas espectaculares do val e do conxunto urbano do Barco. As tres aldeas que forman esta parroquia suman 67 habitantes, dos cales 30 residen no núcleo de Santa Mariña, 33 no de Fervenza e tan só 4 figuran inscritos no lugar do Meiral.
Nos soutos que arrodean Santa Mariña atopamos lonxevos castiñeiros, impoñentes polo seu porte e que abraian pola idade. Á saída da aldea, ao pé dunha veiga de leiras traballadas con esmero, está a igrexa parroquial. O edificio, do século XVIII e con interesantes elementos ornamentais na portada e na espadana, e mais a casa reitoral, é un dos exemplos sobranceiros da arquitectura relixiosa do concello.
Fervenza fai honor no seu topónimo á fermosa pincheira de Portomao, pola que a auga se precipita na zona fortemente crebada da Requeixada. Esta aldea conta cunha pequena capela dedicada á Virxe das Dores, un forno comunal en bo estado, varios muíños e os restos dunha antiga ferraría que, restaurados, poderían formar un interesante conxunto de indubidábel valor etnográfico e turístico. Todo o contorno ten un grande atractivo natural que o fai un punto idóneo para ter en conta na realización de rutas a pé.
O Meiral é un pequeno e recollido casal, cinguido de vizosa vexetación e cuxo topónimo tamén parece relacionado coa abundancia de auga que caracteriza a zona. Conta cunha fonte-lavadoiro recuperada como espazo para o lecer, ao pé dun camiño evocador que parte en dirección á serra. Arrodeado de fermosos soutos, conserva interesantes exemplos da arquitectura rural, entre os que salienta unha casa-herdade con patio e valado situada no camiño da fonte.
A parroquia de Santa Mariña festexa a súa santa titular, protectora da feitura do pan, o día 18 do mes de xullo.