Éntoma (San Xoán)

Vista de Éntoma
Ponte antiga sobre o río Galir

A parroquia de San Xoán de Éntoma é das máis dinámicas demograficamente e prósperas do concello. Con 330 habitantes segue a atraer e fixar residentes, polo que novas edificacións se van erguendo polas terras de Albar en dirección á capitalidade municipal. A mocidade de Éntoma especializouse dende os anos setenta na colocación de lousa nas cubertas dos edificios de medio mundo, os coñecidos louxeiros valdeorreses, feito que explica en boa medida o asentamento da poboación e as expectativas de futuro desta aldea.

As pegadas da Historia son abondosas en toda a parroquia, de xeito singular as relacionadas coa extracción dos recursos mineiros. En lugares como A Raia e Os Forroxancos son visíbeis algunhas das mellores mostras de petróglifos na zona, datados polos investigadores na idade do Bronce. Os aproveitamentos auríferos localizados nestas mesmas paraxes e nas Devesas, o castro mineiro de Xermil ou os restos dunha vila romana no contorno da capela de Galir, son mostras do legado da romanización na zona. Deste período histórico cómpre salientar a fermosa ponte sobre o río Galir, nunha vía romana secundaria ligada ás explotacións auríferas da comarca.

A igrexa parroquial, construída en pedra vermella do país, coa súa espadana de feitura barroca, loce sobre unha das portas laterais a cruz da orde de San Xoán de Xerusalén que figura no escudo do Concello.

Á saída da aldea en dirección á Veiga de Cascallá temos un interesante conxunto formado polo muíño vivenda, en bo estado de conservación, cos lameiros e castiñeiros que o arrodean. O contorno está cheo de atractivos naturais e é ideal para realizar algunha das rutas de sendismo que discorren pola zona ou apracíbeis marchas en bicicleta de montaña.

Éntoma festexa o patrón da parroquia, San Xoán, o día vinte e catro de xuño, e a Virxe de Galir, o día oito de setembro.

OBarcoDeValdeorras

Nueva Ventana Xunta de Galicia
  • Rus
  • Eng