Seguridade
|
|
![]() Axentes da Policía Local do Barco |
|
|
|
![]() Mostrando normas de seguridade viaria aos escolares |
Policía Local
As principais funcións que ten encomendadas a Policía Local están recollidas na Lei 2/86 de forzas e corpos de seguridade, na Lei 7/85 reguladora das bases de réxime local e na 1/92 de protección de seguridade cidadá. Unha das funcións máis importantes dun concello é a de resolver os problemas derivados do tráfico viario, o medio ambiente, a seguridade cidadá, os conflitos privados e as situacións de risco ou emerxencia. A solución destes problemas canalízase a través da Policía Local, que, xa que logo, ten entre as súas funcións as seguintes:
- Velar polo cumprimento das ordenanzas, bandos e demais disposicións municipais dentro do ámbito da súa competencia.
- Ordenar, sinalizar e dirixir o tráfico no núcleo urbano.
- Vixiar e protexer os pasos de peóns, nomeadamente nas saídas e entradas aos recintos escolares.
- Instruír os atestados correspondentes aos accidentes de tráfico ocorridos dentro do termo municipal.
- Instruír os expedientes sancionadores en materia de tráfico.
- Prestar auxilio en caso de accidente, catástrofe ou calamidade pública, participando nas tarefas de Protección Civil.
- Previr a comisión de actos delituosos, mediante unha efectiva vixilancia das rúas, prazas e lugares do municipio.
- Cooperar na resolución de conflitos privados cando sexa requirida para isto.
- Vixiar e custodiar os edificios e instalacións municipais.
- Realizar informes de convivencia, de solicitudes de pasaxe permanente (vaos) e ocupación da vía pública, localización e precinto de vehículos, actividades industriais, etcétera.
- Auxiliar a Policía Xudicial.
Ademais destas funcións propias do servizo, dende a Policía Local realízanse ao cabo do ano actividades de educación viaria para os escolares do municipio.
Na actualidade, o cadro de persoal da Policía Local do Barco está composto por un sarxento, dous cabos e 14 axentes. Os medios móbiles con que conta son dous coches patrulla, un todoterreo, un vehículo para outros servizos e mais unha motocicleta.
Enderezo: rúa dos Muíños, 1. Tel. 988 322 939. Móbil: 616 402 880
|
|
![]() |
Protección Civil
Protección Civil é un servizo público no que na súa organización, funcionamento e execución participan as administracións locais e autonómica, así como os cidadáns, mediante a prestación da súa colaboración voluntaria. A acción do grupo de Protección Civil do Barco oriéntase ao estudo e a prevención das situacións de risco, catástrofe ou calamidade pública nas que poida perigar a integridade física das persoas, e á protección e o socorro destas nos casos en que estas situacións se produzan. Actúa especialmente en casos de incendios e salvamento. Realiza diversas actividades informativas sobre primeiros auxilios e emerxencias dirixidas a diversos colectivos e aos centros escolares. Colabora, igualmente, en cantas actividades lúdicas e deportivas se desenvolven no concello e requiren a súa presenza.
Enderezo: Urbanización A Cerámica. Tel. 616 402 882
|
|
Parque de Bombeiros
O parque de bombeiros de Valdeorras está situado na zona das Pedreiras, no concello da Rúa. Atende os nove concellos da comarca de Valdeorras: A Rúa, Petín, Larouco, O Barco, Vilamartín, O Bolo, A Veiga e Carballeda. Intervén anualmente nunha media de 150 emerxencias, principalmente de accidentes de tráfico e incendios urbanos. Comezou a funcionar en 2002 e está xestionado por un consorcio que neste momento preside o alcalde de Larouco, Joaquín Bautista.




