Servizos Sociais e Igualdade

O departamento de Servizos Sociais do Concello do Barco de Valdeorras traballa activamente para mellorar a calidade de vida e a participación na sociedade de todas as persoas e grupos da comunidade. As iniciativas desenvolvidas inciden especialmente na cidadanía que sofre algún tipo de carencia, marxinación ou desatención selectiva.

Enderezo: Casa do Concello, planta baixa / Teléfonos: 988 320202 - 988 320010 , extensións 161-162-164 / Atención ao público: de 9 a 14 h. / asociales.barco@mundo-r.com

Programas básicos desenvolvidos polos servizos sociais do Concello.

Programa de Orientación, Asesoramento e Información

Ten por obxecto informar a poboación sobre os dereitos e recursos en materia de servizos sociais, así como orientar e asesorar as persoas e grupos afectados por problemáticas específicas, diagnosticar a situación e derivalos, se é necesario, aos servizos sociais de atención especializada.

Programa de Axuda no Fogar

O servizo de axuda no fogar está dirixido a toda a poboación. É unha prestación básica do sistema público de servizos sociais que presta un conxunto de atencións, dende unha perspectiva integral e normalizadora a nivel preventivo, educativo, asistencial e rehabilitador. O programa vai dirixido a individuos e ás familias no seu fogar cando se atopen incapacitados/as, temporal ou permanentemente, por motivos de índole psíquica, física ou social para realizaren as tarefas esenciais da vida cotiá, manténdoos/as no seu fogar e integrados/as no seu medio natural, mellorando a súa calidade de vida.

O servizo de axuda no fogar está regulado pola ordenanza municipal do Concello do Barco de Valdeorras.

Este servizo pódese complementar co programa de TELEASISTENCIA (permítelles ás persoas maiores e/ou doentes ou discapacitadas, ao premeren un botón, entrar en contacto verbal “mans libres” cos operadores/as dun centro de atención as 24 horas do día, todos os días do ano),  e mais co programa XANTAR NA CASA (elaboración das comidas do xantar que serán levadas ao seu fogar).

Programa de Emerxencia Social

Dende os servizos sociais detéctanse as situacións de urxencia que requiren ser abordadas de xeito rápido e eficaz. Fundamentalmente son situacións de escaseza de medios económicos que dificultan o normal desenvolvemento das persoas ou familias. Con este programa preténdese paliar e, se for posible, corrixir estes déficits.

Transporte Adaptado (ANTA)

Este transporte garántelles ás persoas con algún grao de dependencia a máxima integración dentro dos servizos xerais do seu contorno. As actuacións que se realizan consisten na recollida no domicilio e o traslado aos distintos organismos, o acompañamento físico e social na tramitación de xestións e o apoio para o desenvolvemento de actividades.

Programa de Educación Familiar

Consiste na intervención, por parte do persoal especializado, nas familias en que se detectan carencias competenciais nas súas funcións parentais. O fin da intervención é a integración e a mellora das funcións que tiñan asignadas as familias.

Bolsas para a compra de libros

Ten por obxecto facilitarlles libros de texto ás familias con fillos en idade de escolarización obrigatoria.

Programa de Prevención de Drogodependencias

O obxectivo é informar e formar os axentes naturais, a familia e a comunidade educativa, para favorecer uns estilos de vida saudables, exentos de consumo de drogas.

Ámbitos en que se actúa:  Información/ formación. Escolar. Familiar. Xuvenil.

Atención á dependencia

Dende os servizos sociais municipais facilítase a información para acceder ás prestacións e aos servizos da nova Lei de dependencia, e realízase o programa individual de atención en que se determinarán as modalidades de intervención máis adecuadas ás súas necesidades.

Documentos para descargar:

Regulamento. Servizo de axuda no fogar

Ordenanza reguladora para a prestación do servizo Xantar na Casa

Ordenanza reguladora das tarxetas de estacionamento para persoas con minusvalidez

OBarcoDeValdeorras

Nueva Ventana Xunta de Galicia
  • Rus
  • Eng