Rutas

Ponte Bibei
Santuario das Ermidas
As Médulas

Marcando os lindes da comarca coas Terras de Trives está a ponte do Bibei, fermosa obra romana que resiste o paso do tempo. Alí mesmo un par de miliarios sinalan o paso da Vía XVIII. Tamén a ponte da Cigarrosa, entre A Rúa e Petín, ten alicerces romanos, aínda que é medieval a súa espléndida feitura. Nunha casa pegada á igrexa de Santo Estevo da Rúa temos unha lápida dedicada a un patricio da etnia gigurri e, seguindo a N-120, en Montefurado os romanos furaron o monte para desviar o río e extraer ouro das súas areas.

A Idade Media ten no castelo do Bolo un enclave sobranceiro. Vixía estratéxico que os reis lle cederon á nobreza, o castelo hoxe pode visitarse, contén un pequeno museo sobre a vida no recinto amurallado e un miradoiro. Preto de alí hai que visitar o Santuario da Virxe das Ermidas, fastosa obra barroca levantada nun enclave de singular beleza.

Se saímos do Barco pola antiga estrada de Ponferrada chegamos á ponte de Sobradelo (séc. XVII) que os guerrilleiros  dinamitaron no seu arco central para conter o avance das tropas francesas en 1809. E seguimos, porque a tan só 20 km. do Barco, na veciña comarca do Bierzo,  está a paraxe arqueolóxica das Médulas, antiga explotación aurífera de grandes dimensións e singulares formas que foi declarada Patrimonio da Humanidade.

OBarcoDeValdeorras

Nueva Ventana Xunta de Galicia
  • Rus
  • Eng