Que visitar

Mosteiro de Xagoaza
Pazo de Flórez no Castro
Rúa Real no Barco
Casa Grande de Viloira

O mosteiro de Xagoaza
O visitante encontra aquí un lugar silencioso, recollido e con moito encanto. Na igrexa de San Miguel (séc. XII) a cruz de Malta, esculpida sobre a porta principal, recorda que foi lugar administrado pola Orde de San Xoán de Xerusalén. A porta sur e a ábsida semicircular, con fiestra xeminada e canzorros historiados, deixan constancia da arte románica. O chamado mosteiro é unha sobria construción do séc. XVIII, convertida en moderna adega para a elaboración de viños de godello. Nas súas proximidades encóntrase unha casa restaurada cunha adega-cova escavada na rocha. Seguindo o río augas arriba chagaremos a un lugar cheo de maxia: unha rústica ponte dun arco ao pé das ruínas dunha acea, entre a mesta vexetación e o son das augas do río Mariñán.

A Vila do Castro
Ofrece unha ampla vista sobre a chaira na que se asenta O Barco. Destacan os restos da súa fortaleza, que pertenceu ao longo do tempo ás familias dos Castro, Pimentel e Sarmiento, estes últimos eran os condes de Ribadavia e derradeiros señores da xurisdición de Valdeorras. Tamén chama a atención a igrexa parroquial, a casa Carballo, con solainas entre arcos a dous niveis, e principalmente o pazo de Flórez, o primeiro segundo se entra. Data de 1630 e ten unha orixinal fachada con seis arcos de pedra vermella do país sobre o amplo soportal. Arestora está acondicionado como aloxamento turístico, conservando amoblamento, decoración e obras de arte orixinais. Tamén dispón, nunha palleira anexa, dun pequeno e curioso museo de carruaxes e aparellos de montar.


O Barco vello ten o río e o antigo camiño real como referentes. A praza Maior, de forma triangular e aberta ao Sil, é o centro simbólico da Vila. Nela destaca a casa vermella do Casino (1910) con reminiscencias modernistas. Conflúe a praza no seu vértice coa igrexa parroquial de San Mauro (1927), onde comeza a rúa Escura ou de San Mauro, que baixa ao Porto da Barca, antigo embarcadoiro da lancha que unía O Barco con Viloira ata finais do século XIX. A denominación Barco de Viloira é oficial ata 1660. A rúa Real ten casas de  señorío, dúas delas con escudo, e outras máis modestas, como as da rúa de San Roque, nas que se aprecia a tipoloxía da construción tradicional. Pasando a vía do tren está a Casa de Río Cigüeño (séc. XVII) que foi cuartel e centro de represión na guerra civil. Arestora está rehabilitada para a promoción dos recursos comarcais.

Viloira, na marxe esquerda do Sil, conta cunha fermosa praza e coa Casa Grande (1637), espléndido edificio señorial que acolle os servizos comarcais da Xunta de Galicia. No seu interior está en exposición permanente a colección municipal Valdearte de arte contemporánea.

Nos arredores do Barco podemos visitar a localidade de Éntoma que ten unha ponte antiga sobre o río Galir, nunha das vías secundarias trazadas polos romanos. A pequena igrexa da Proba ten sinais da arte románica no seu exterior.

OBarcoDeValdeorras

Nueva Ventana Xunta de Galicia
  • Rus
  • Eng