Territorio e poboación
O Barco está situado na parte suroriental de Galicia, na comarca de Valdeorras, ocupando parte da chaira aluvial do río Sil e entre as montañas que limitan o seu contorno. Esta configuración do terreo é a que deu orixe ao topónimo O Barco, a partir dunha base prelatina, probabelmente céltica, *barc ou *barg (concavidade).
O concello ten unha extensión de 84 km2 e limita ao norte coa Serra do Courel, ao leste cos concellos de Rubiá e Carballeda, ao oeste co de Vilamartín e ao sur coa Serra do Eixe, que remata no Macizo de Trevinca (2127 m), onde están os máximos cumes de Galicia.
O clima é de carácter oceánico-mediterráneo, con veráns calorosos e secos e invernos moderados en precipitacións e temperaturas.
O Barco é a capital de Valdeorras e o seu centro comercial e de servizos. O concello está formado por 14 parroquias e 24 núcleos de poboación que suman 14.213 habitantes (INE, 2009), a maior parte concentrados na vila capital.
