O esforzo por adaptar a administración local ás
novas tecnoloxías, facéndoa máis áxil e
transparente, constitúe un reto e unha
esixencia inaprazable para achegala aos veciños
e veciñas. Agora, coa presentación do sitio web
do Concello do Barco de Valdeorras abrimos unha
nova etapa na mellora das prestacións de
servizos, de acceso á información e de atención
á cidadanía.
A páxina, elaborada con esmero e moi coidada
tanto no deseño como na presentación dos seus
contidos, contribuirá a achegar máis e mellor
información sobre o funcionamento e as
características do noso concello, ao tempo que
vai servir de punto de referencia inescusable
para todos aqueles que, dende a distancia,
queiran saber máis do Barco e a terra de
Valdeorras. Quen quixer, mesmo poderá
planificar unha visita sen deixar ningún
aspecto á improvisación, dende os lugares de
interese, facendo un breve percorrido pola
historia e mais a cultura local, até a oferta
gastronómica ou de aloxamento, entre outros.
Agardo que o noso espazo na rede cubra de
maneira satisfactoria as expectativas de todas
as persoas que se acheguen até el, así como as
demandas cidadás en canto á prestación de
servizos que o medio ofrece. Nesta liña quero
animar os usuarios e usuarias da páxina para
que participen de xeito activo no seu
funcionamento, para que nos fagan chegar as
súas consultas ou suxestións, algo que ha
redundar na calidade da propia web e, xa que
logo, en beneficio de todos.
O meu desexo, pois, de que sexa esta unha canle
aberta para recoller opinións e achegas de todo
tipo, para entre todos e todas podermos
arrequecer a proxección do Concello do Barco,
dende a súa puxante capitalidade até as
parroquias, os barrios e mais os pequenos
lugares que compoñen o termo municipal. Velaquí
O Barco de Valdeorras, unha fiestra aberta á
realidade do noso concello e da bisbarra, un
espazo plural e aberto, dinámico e acolledor.
Un saúdo afectuoso,
Alfredo L. García Rodríguez
Alcalde do Barco de Valdeorras