A XII Festa do Botelo recoñece a Marina Fresco

19.01.12 10:21

A décimo segunda Festa do Botelo do Barco que se celebra este sábado, 21 de xaneiro, outorgará a Mención de Honra a Marina Fresco Núñez, cociñeira de Casa Zalo, un pequeno restaurante especializado en caza e pesca, situado nas Casas Baratas e aberto ao público desde 1968 ata a segunda metade dos anos noventa.

Marina Fresco Núñez. Foto: Mónica G. Bellver

Marina Fresco Núñez. Foto: Mónica G. Bellver

A Mención de Honra é un recoñecemento, creado pola Festa do Botelo na súa cuarta edición, para homenaxear a persoas destacadas pola súa contribución á gastronomía local e pola posta en valor de elaboracións singulares. Marina Fresco (Pardollán, 1929) recibirá do alcalde do Barco a placa que acredita a distinción, obra do ceramista Albert Motis, ao final dun acto que terá lugar a partir das 12,30 no salón de actos do IES Martaguisela.  

O evento será presentado polo estudante de xornalismo René Pérez e comezará coa música do cantautor valdeorrés Anxo Rei. Logo o xornalista Adrián Alonso, do informativo Bós Días da TVG, será o encargado de ler o pregón da XII Festa do Botelo. Finalmente proxectarase o vídeo titulado “Unha cociña para a evocación da natureza”, realizado para a ocasión polo Departamento de Cultura do concello do Barco, no que se conta a historia de Marina Fresco e o seu papel á fronte dos fogóns de Casa Zalo, un local de referencia nas últimas tres décadas do século pasado no Barco.

O xantar degustación terá lugar a partir das 14,30 h. no Pavillón de Calabagueiros, convertido por unas horas en restaurante, para atender os preto de mil comensais que a organización conta con reunir. O menú estará formado por botelo cocido con cachelos e repolo, torta de roxóns, viño tinto, café e licores.

OBarcoDeValdeorras

Nueva Ventana Xunta de Galicia
  • Rus
  • Eng