O grupo “A Finxideira” do IES Lauro Olmo finalista do VI Concurso de Teatro Grecolatino
O grupo de teatro “A Finxideira” do IES Lauro Olmo do Barco participará na fase final do VI Concurso de Grupos de Teatro Clásico Grecolatino do Ministerio de Educación. A súa montaxe de “Anfitrión” de Plauto foi seleccionada polo xurado e será representada o próximo 27 de maio no Teatro Romano de Segóbriga (Cuenca)
Pasaron a esta final un total de cinco obras,
tres delas na modalidade de traxedia grega/latina e
comedia grega e dúas de comedia latina: a de
“A Finxideira” do Barco e a do grupo
“Balbo” de El Puerto de Santa María
(Cádiz), así pois os dous grupos competirán polo
primeiro premio, de comedia latina, que está dotado
con seis mil euros para a realización dunha viaxe
cultural.
Os membros do grupo teatral e o Instituto están moi ilusionados
con este recoñecemento que supón, cando menos, o
privilexio de representar nun teatro romano e convivir un par
de días con alumnos doutros lugares, unidos no
interese polas artes escénicas e a cultura clásica.
A montaxe de “Anfitrión” feita por
“A Finxideira”, que participou no
concurso a través dun vídeo realizado polos propios
rapaces, está coordinada polo profesor
de Latín, Julio Parada, autor da adaptación.
Da dramaturxia e da dirección artística ocúpase
Pilar Alonso. O elenco está formado polos alumnos
Santiago Coni Molina, Alba Díaz
Urdangaray, Álvaro e Lucas Docampo Gacio,
Sabela López Loureiro, Tamara Martínez Pires e
Aitor Ramos Soto.
É de salientar que este “Anfitrión” foi
presentado a concurso en galego e vai ser
representado en Segóbriga na mesma lingua. As
bases deste certame do ME, para grupos
formados por alumnos/as de secundaria, inclúen
todos os idiomas oficiais do Estado Español. É a
primeira vez que se presenta ao concurso “A
Finxideira” que vai ter que medirse co máis
selecto e experimentado do teatro grecolatino,
feito en España por estudantes de secundaria.






