Aprobado un proxecto para a dinamización da comarca cun investimento de 69 millóns e 300 postos de traballo

02.07.10 14:28

• Firmado un protocolo entre o Concello e a Xunta que impulsa a dinamización da economía da Comarca de Valdeorras, facilitando a posta en marcha de iniciativas orientadas cara ao aproveitamento de vantaxes competitivas como o potencial natural e forestal da zona

O conselleiro de Economía e Industria, Javier Guerra, asinou un protocolo de intencións coa finalidade de facilitar a posta en marcha de  actuacións específicas que favorezan á competitividade e o desenvolvemento do tecido industrial da zona. As iniciativas recollidas neste programa suporán un investimento de 69 millóns de euros na zona e a creación de 300 postos de traballo.

 

Con este acordo entre a Xunta, o Concello do Barco de Valdeorras e a sociedade O Barco Infraestructuras, S.L, a Consellería de Economía e Industria impulsa a dinamización da economía da Comarca de Valdeorras, co aproveitamento das súas vantaxes competitivas, tales como o potencial natural e forestal da zona.

 

Deste xeito, o Goberno galego quere axilizar a posta en marcha de proxectos concretos de tipo medioambiental que significan unha oportunidade única para a Comarca, xa que a extracción, transformación e utilización da bioenerxía son actividades que xeran riqueza e emprego.

 

Cos proxectos contemplados no acordo créase riqueza na comarca aportando valor aos bosques, o que permite incrementar as rendas dos cidadáns nestas zonas rurais, co aproveitamento dos recursos que lle son propios. Ademais, créase emprego de xeito estable e fixo no municipio e na comarca.

 

Asemade, estes proxectos tamén suporán outras vantaxes como: a modernización do sector agroforestal e a incorporación de sistemas de mecanización; a xeración de sinerxias no eido enerxético e industrial; a vertebración do sector, conectando diferentes industrias, e fomentando a competitividade mediante a cooperación empresarial, e tamén impulsarase a selvicultura, mellorando o estado fitosanitario dos bosques e reducindo o risco dos incendios que afectan ao patrimonio natural de Galicia.

 

Ao abeiro deste protocolo a Xunta apoia e axiliza os traballos para a posta en marcha de proxectos que en total suporán un investimento de 69 millóns de euros na zona e a creación de 85 empregos directos, nos diferentes proxectos, e máis outros 200 directos para o aproveitamento da masa forestal.

 

Tras as diferentes reunións mantidas entre diferentes departamentos da Xunta de Galicia e a empresa O Barco Infraestructuras, S.L. , elaborouse un Plan de Dinamización Económica do que forman parte os seguintes proxectos: unha planta de coxeración enerxética de 9,9 MW,  coa creación de 20 postos de traballo directos e unha inversión prevista de 30 millóns de euros; unha planta de biodiésel para unha produción de 50.000 toneladas, coa previsión de crear 14 postos de traballo directos e unha inversión de 8 millóns de euros; unha planta de biogás para unha potencia de 3 MW, que creará 11 postos de traballo directos, cunha inversión de 7 millóns de euros; un complexo industrial sostible biorrefinería, para crear 18 postos de traballo directos, cunha inversión de 18 millóns de euros, coa construción dunha planta extractora e unha planta de rendering; un centro Tecnolóxico de Investigación Agroalimentaria, que creará 10 postos de traballo e terá unha inversión de 2,5 millóns de euros, e un servizo de “consulting” de enxeñería en temas medioambientais, con 12 postos de traballo previstos e 0,5 millóns de euros de inversión.

 

Ademais, para poñer en marcha estes proxectos, asináronse acordos e contratos coas diferentes comunidades de montes  para o aproveitamento das masas forestais existentes nas súas terras, e que suporán a creación de 200 postos de traballo directos e unha inversión de 3 millóns de euros.

 

De feito, a Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas xa ten informado ao IGVS de que este é un proxecto singular a efectos de axilizar e facilitar á empresa a adquisición do chan necesario para o seu desenvolvemento.

OBarcoDeValdeorras

Nueva Ventana Xunta de Galicia
  • Rus
  • Eng