O Forno de Fordelís de Elefante Elegante este venres no TLO
O Forno de Fordelís é un espectáculo musical de Commedia dell’Arte sobre a sociedade de consumo contemporánea que convida a reflexionar sobre a forma como estamos vivindo en sociedade, sobre a forma como estamos empregando os recursos naturais e o destino que lles reservamos neste inicio do século XXI. Este venres ás 21 h. para todos os públicos.
Na aldea de Flordelís todo é harmonía. Os habitantes do pobo reúnense ao redor do forno para amasar e cocer un gran pan que será compartido por todos. Mais un día, Madame Lisette, a comerciante, ten a idea de facer un pan só para ela... e por riba... con azucre! A reacción vai en cadea e as consecuencias son catastroficamente divertidas.
Mais como nin só de pan vive o home, a historia ven aderezada con moito amor. Avelino namorisca a Rosa, a panadeira, e a outros niveis menos inocentes, o Barón non se cansa de buscar interesadamente os brazos de Madame Lisete.
Trátase dun texto de creación colectiva que a compañía Elefante Elegante desenvolve baixo a dirección de Gonçalo Guerreiro e María Torres, que tamén forman parte do elenco xunto a Mónica Varela, Pablo Sánchez e o músico Alex Fente. Está recomendada para todo tipo de público a partir dos 8 anos e ten unha duración de 65 minutos.
SMC






