Este Nadal volve con forza... O Apalpador!
A Biblioteca municipal "Florencio Delgado Gurriarán", en colaboración co Campamento de Nadal, organiza unha serie de actividades para divulgar entre os/as cativos/as esta figura recuperada da nosa tradición os días 28 e 29 de decembro.
O luns 28 de decembro, o programa inclúe
contacontos, obradoiro de debuxo e escrita e
cantigas ao redor do personaxe do Apalpador para as
nenas e os nenos inscritos no Campamento de Nadal,
na Casa da Xuventude, das 11.00 ás 13.00 h.
Para o martes 29, ás 12.00 h está
prevista a presentación na Biblioteca
municipal do conto "O Apalpador", recentemente
saído do prelo por iniciativa da editorial Biblos.
Neste acto ha estar tamén o autor do libro, Xoán
G., que se desprazará até a biblioteca para lles
achegar aos meniños e meniñas do Barco a súa visión
deste entrañábel personaxe, felizmente recuperado
do esquecemento.
Por outra banda, o belén artesanal de
Pedro Crespo, instalado na Casa de Fenosa
(rúa da Estación, núm. 4) e que pode visitarse até
o 10 de xaneiro, incorpora este ano como novidade a
figura do Apalpador, unha achega
singular na súa elaborada recreación de
diferentes escenas do nacemento de Xesús.
O Apalpador é un personaxe mítico galego que baixa
polo Nadal a levarlles os agasallos aos nenos e
nenas. Entra de noite nos seus cuartos cando están
durmidos e apálpalles a barriguiña por ver se están
mantidos e déixalles, ademais dos xoguetes, unha
presa de castañas.
Ten un tronco común con outras tradicións europeas
e do norte de España (Olentzero vasco e Esteru
ástur-cántabro) e probablemente a mesma orixe, pero
que desgrazadamente en Galiza estaba practicamente
esquecido. O rito da Noite do Apalpadoiro foi
descrito por varios estudosos e a figura do
personaxe refírese na zona da montaña lucense e,
nomeadamente, no Courel. No oriente
ourensán (Terra de Trives-Manzaneda,
Valdeorras...) existen referencias
a este personaxe aínda que, nalgúns casos, con
outros nomes (Pandigueiro en Trives; Apalpadoiro ou
Apalpabarrigas en Valdeorras...) e, noutros, con
atribucións menos simpáticas como son as de
espantar os/as nenos/as.
Neste conto (editorial Biblos Clube de Lectores,
2009), Xoán G. pretende espilo das deturpacións que
ben poden responder a superposicións pouco
afortunadas doutros costumes e quedarse co concepto
positivo do personaxe e co seu agarimo.
+ info: www.apalpador.com e www.apalpador.net
bpmFDG



