Dous dos mellores espectáculos infantís da temporada no TLO
Os días 29 e 30 o Teatro Lauro Olmo programa dous dos mellores espectáculos de teatro infantil e familiar da temporada teatral galega. Trátase de Construccións Clementina dígame? de Palimoco Teatro e de Rúa Aire do grupo O retrete de Dorian Gray, as dúas representacións serán ás 20 horas.
A historia de Clementina, de Palimoco Teatro é a historia dunha persoa maior, que ten unha casa que xa non consegue pagar... Un día chega a temida carta de desaloxo, data límite o vinte e catro de Nadal. O corazón de Clementina rompe de dor, pero nese preciso intre, nesa precisa milésima de segundo, o seu corazón cae nas mans do Home das Apertas e dos cráteres que a acompañarán na súa viaxe á lúa...O seu derradeiro soño? Na lúa agardan por ela a Nena do Ollo Pecho, a Nena das Arestas e alguén moi especial, o seu compañeiro Sigfrido. texto e a dirección son de Paloma Lugilde e está interpretado por Paloma Lugilde, Alberte Viveiro, Alba Fernández e Iria Otero
O Retrete de Dorian Gray, en coprodución co Centro Dramático Galego, presenta... unha vetusta máquina de procesar e inflar globos… Unha xénese nada máis empezar... Un puñado de globos emperrados en vivir... Unha ducha accidentada... Unhas malvadas tesoiras de ideas fixas... O vento que chama á porta... Un país vítima dunha praga de bolsas de plástico... Unha bomba de inflar con patas... Un final que coincide coa conclusión da obra... E iso. (polo medio, algunha cousa máis...)
O Retrete de Dorian Gray pretende explorar os escabrosos territorios do teatro visual, o teatro físico, a manipulación de obxectos... todo iso sen esquecer que o espectador está aí adiante, ou aos lados, e mesmo detrás, de modo que, para non deixalo de lado, investigan formatos próximos nos que ver un espectáculo sexa algo máis que un estímulo ocular e auditivo. Iso é o que pretenden. Que o consigan xa é outra cousa.
Os seus espectáculos estiveron presentes nos festivais Escena Poblenou (Barcelona), Festus (Torelló), Trapezi (Reus), Panorama (Olot), Muestra de Autores Contemporáneos (Alacant), EnClave de Calle (Burgos), Festival Internacional Molina de Segura, Pistes de Lancement (Bruxelas), Millenium Jam (Bélxica), Gest (Esparreguera), Frutos Festival (Foz-Calanda), 1, 2, 3 pallaso! (Tiana), Umore Azoka (Leioa), Veranos de la Villa (Madrid), Galicreques, Abrazos ou D'Gorra (Santiago).
O espectáculo está dirixido por Jordi Farrés e o elenco está formado por Marcos PTT Carballido e Ezra Moreno. Está recomendado para público familiar a partir dos 7 anos.
SMC


