Editar en galego baixo o franquismo, exposición en Caixanova
A edición de libros en galego durante o franquismo non foi un camiño de rosas, así o demostran os documentos e a información que conforma a exposición “Editar en galego baixo a censura franquista” que hoxe se abre na Sala Caixanova do Barco.
Entre hoxe e o día 30 de abril estará aberta ao público esta exposición na sala da Praza do Príncipe de Asturias, no horario habitual de 19 a 21 horas de luns a sábado, esta mostra comisariada por Xosé Manuel Dasilva para a Fundación Penzol que xa foi vista nas principais cidades galegas nunha itinerancia organizada pola Editorial Galaxia e patrocinada pola Consellaría de Cultura e Turismo.
Segundo declaracións do comisario, a censura afectou de maneira singular á produción literaria galega xa que a autoridade pretendía naquela altura desterrar o galego, que o seu uso ficase reducido a un rexistro costumbrista, folclórico e humorístico que evidenciara a súa condición subalterna.
A parte das cuestións idiomáticas outros textos foron censurados por razóns ideolóxicas naquel contexto represivo. A censura, na mostra pódense ver informes en tal sentido, mesmo chegou a ser valorativa, opinanado da calidade dos textos sometidos ao seu imperio.
SMC

