O alcalde de O Barco pide a Traballo prolongar o Plan Laxa e outros proxectos
O alcalde de O Barco, Alfredo García, reuniuse hai uns días en Santiago de Compostela coa conselleira de Traballo, Beatriz Mato Otero, á que trasladou diferentes proxectos pendentes por parte deste departamento, con especial interese sobre o futuro do Plan Laxa, así coma outros programas para a promoción do emprego. En todos os casos, a conselleira mostrou o seu interese en estudar as peticións realizadas polo concello de O Barco, e tomar unha decisión en breve prazo.
Alfredo García expuxo á conselleira a preocupación dos Concellos pola paralización dos programas de cooperación da Xunta de Galicia, que permitiron ao Concello de O Barco a contratación de máis de 50 persoas durante o pasado ano, con contratos de entre 9 e 12 meses. Mato Otero asegurou ao alcalde que o seu departamento adoptará en breve unha resolución sobre este asunto. Tamén se expuxo a posibilidade de que o Plan Laxa, aprobado pola anterior Xunta para a contratación de traballadores da lousa en paro por mor da crise, teña unha continuidade unha vez conclúan os contratos actualmente en vigor. En O Barco contratáronse outras 50 persoas dentro deste Plan. As pespectivas de futuro do Paco Territorial polo Emprego e as UPD foron tamén abordadas na reunión por parte do alcalde barquense.
O funcionamento e os compromisos por parte da Xunta de Galicia para a Escola Infantil de O Barco é outro dos asuntos tratados na entrevista, especialmente no que se refire á situación dos traballadores que actualmente prestan servizos este departamento, e á posibilidade de que a Xunta acepte a ampliación da guardería, no caso de que exista unha demanda importante por parte das familias.
Outro tema exposto polo alcalde é a creación dun novo Centro Social en O Barco, que se situaría nun edificio de titularidade pública situado en Viloira. Desta forma, disporíase de dous centros sociais, que poderían abarcar a toda a poboación da localidade. Alfredo García reiterou á conselleira a petición, xa realizada con anterioridade á Dirección de Xuventude da Xunta- para a creación dun local de ensaios para bandas musicais en O Barco. Neste caso, a conselleira mostrou a súa estrañeza polo feito de que unha poboación da entidade e número de habitantes da vila barquense non dispoña desta infraestrutura, e comprometeuse ao seu estudo.
Tamén para os mozos, o alcalde presentou a Mato Otero unha proposta para a posta en marcha dun innovador proxecto para a canalización da información para mozas a través de novas tecnoloxías. O proxecto, elaborado pola Concellería de Deportes e Xuventude, ten como obxectivo chegar a todos os mozos do municipio, con información permanente a través de mail e sms. Preténdese darlles información sobre todo tipo de actividades, e tamén poderán usar este mesmo sistema para realizar suxestións, inscribirse en cursos e actos e outras iniciativas.
Os mesmos temas expostos nesta reunión serán tamén trasladados máis detidamente aos directores xerales de Promoción do Emprego e de Xuventude e Voluntariado, así como á Secretaría Xeral de Familia e Benestar, a quen xa se solicitou reunións para estudar as cuéstions competencia de cada un deles.


