"La tortuga de Darwin", unha fábula sobre a evolución

02.12.08 09:47

Este luns 8, ás 20 horas, o TLO presenta "La tortuga de Darwin" unha produción de Teatro El Cruce e Teatro de la Abadía, sobre un texto de Juan Mayorga con dirección de Ernesto Caballero. Á fronte do reparto a popular Carmen Machi, con Vicente Díez, Susana Hernández e Juan Carlos Talavera

Vivir é adaptarse... e ben o sabe Harriet, a tartaruga bicentenaria que Charles Darwin levou das Galápagos a Inglaterra e que evolucionou ata adoptar a aparencia dunha anciá e ser capaz de camiñar, falar e pensar. É un arquivo histórico vivente dos principais fitos do século XX: a revolución industrial, o ascenso do nazismo, a Guerra Civil española, a caída do Muro... E á vez, un extraordinario caso de estudo para a ciencia. Por iso será disputada por un historiador e un médico, dispostos a aproveitarse desta peculiar tartaruga-muller para cubrirse de gloria.

"La tortuga de Darwin" é unha simpática fábula de Juan Mayorga que ofrece unha visión "a rentes do chan" das atrocidades que balizan a historia europea máis recente, e que vén concluír que o ser humano, se acaso, ten involucionado. A obra susténtase fundamentalmente na fantástica interpretación de Carmen Machi como Harriet. Machi come o escenario, dimensiona ao personaxe, sácalle todo o mollo a un texto difícil e, en ocasións, un tanto plano, que en boca de alguén menos experimentado podería rematar en desastre. En suma, demostra as súas táboas como a actriz de teatro que é, a pesar de que a fama chegoulle coa televisión. Ben está que os que só a coñecen como Aída descubran os seus outros rexistros. En canto ao texto, como sempre que Mayorga anda por medio, é enxeñoso, intelixente e entretido, movéndose entre humor e drama.

A representación chega ao Barco co patrocinio de Caixanova, as entradas estarán á venda no despacho de billetes do TLO unha hora antes da función ao prezo único de 6 euros. Tamén se poden comprar con antelación en Servinova, a billeteira electónica da Caixanova.

(SM de Cultura)

OBarcoDeValdeorras

  • Rus
  • Eng