"La tortuga de Darwin", unha fábula sobre a evolución
Este luns 8, ás 20 horas, o TLO presenta "La tortuga de Darwin" unha produción de Teatro El Cruce e Teatro de la Abadía, sobre un texto de Juan Mayorga con dirección de Ernesto Caballero. Á fronte do reparto a popular Carmen Machi, con Vicente Díez, Susana Hernández e Juan Carlos Talavera
Vivir é adaptarse... e ben o sabe Harriet, a
tartaruga bicentenaria que Charles Darwin levou das
Galápagos a Inglaterra e que evolucionou ata
adoptar a aparencia dunha anciá e ser capaz de
camiñar, falar e pensar. É un arquivo histórico
vivente dos principais fitos do século XX: a
revolución industrial, o ascenso do nazismo, a
Guerra Civil española, a caída do Muro... E á vez,
un extraordinario caso de estudo para a ciencia.
Por iso será disputada por un historiador e un
médico, dispostos a aproveitarse desta peculiar
tartaruga-muller para cubrirse de gloria.
"La tortuga de Darwin" é unha simpática fábula de
Juan Mayorga que ofrece unha visión "a rentes do
chan" das atrocidades que balizan a historia
europea máis recente, e que vén concluír que o ser
humano, se acaso, ten involucionado. A obra
susténtase fundamentalmente na fantástica
interpretación de Carmen Machi como Harriet. Machi
come o escenario, dimensiona ao personaxe, sácalle
todo o mollo a un texto difícil e, en ocasións, un
tanto plano, que en boca de alguén menos
experimentado podería rematar en desastre. En suma,
demostra as súas táboas como a actriz de teatro que
é, a pesar de que a fama chegoulle coa televisión.
Ben está que os que só a coñecen como Aída
descubran os seus outros rexistros. En canto ao
texto, como sempre que Mayorga anda por medio, é
enxeñoso, intelixente e entretido, movéndose entre
humor e drama.
A representación chega ao Barco co patrocinio de Caixanova, as entradas estarán á venda no despacho de billetes do TLO unha hora antes da función ao prezo único de 6 euros. Tamén se poden comprar con antelación en Servinova, a billeteira electónica da Caixanova.
(SM de Cultura)


