O topónimo “Valdeorras” e a nosa lingua no programa Ben falado! da TVG
O portal web da Televisión de Galicia ofrece a posibilidade de ver o espazo dedicado a explicar a orixe e mais o significado deste antigo topónimo, a experiencia do contacto coa lingua galega do alumnado inmigrante no instituto Lauro Olmo e interesantes referencias á fraseoloxía propia da comarca.
Ben falado! é un
microespazo da Televisión de Galicia, de cinco
minutos diarios, dedicados á lingua galega,
dirixido e presentado polo académico e secretario
do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en
Humanidades, Xesús Ferro
Ruibal.
O capítulo número 50, emitido inicialmente pola
canle autonómica o día 26 de setembro, está agora
pendurado na sección “Televisión á
carta” para a súa descarga polos/as
internautas. Nel poderán coñecer o proceso de
formación do topónimo de orixe prerromana
“Val-de-orras”, a experiencia de
aprendizaxe da nosa lingua polos/as alumnos/as do
IES Lauro Olmo, así como algunhas mostras da rica
fraseoloxía galega recollidas na nosa comarca e
explicadas dun xeito ameno e accesíbel por Xesús
Ferro Ruibal.
No programa número 25, con data de emisión do
22/08/2008, aparecen máis contidos referentes ás
actividades desenvolvidas neste centro de ensino do
Barco, ademais dun breve comentario lingüístico de
frases feitas propias da bisbarra.
Ben falado! é como un prato combinado, pois o
telespectador accederá a explicacións do seu
apelido e do nome do lugar onde vive; a
curiosidades léxicas, gramaticais e ortográficas;
ao sentido de ditos e refráns. Este espazo reflicte
como se move a lingua nos colexios, nos institutos,
nos movementos xuvenís, nas empresas, na Internet.
Tamén amosa o que foi a lingua galega na Idade
Media e o que é hoxe nun contexto internacional:
novas tecnoloxías como tradución automática, a
síntese de voz, o mundo dos blogs, o Punto Gal, as
televisións escolares en galego, etc. O programa
coñece a especialistas estranxeiros que traducen a
nosa literatura ás súas linguas ou que fan
dicionarios bilingües para poderen despois traducir
do galego ás súas linguas e viceversa. Este é un
microespazo lingüístico con propósito de
divulgación científica. Tamén a infancia está
presente para dar a ver a enorme creatividade que a
lingua galega esperta maiormente na infancia, na
xente moza, no mundo literario ou musical, no
sector sanitario, no empresarial.
(SNL)


