"O club da calceta" de Teatro do Morcego, esta semana no TLO
Poderá verse o venres ás 21 h., na habitual función para público adulto, pero tamén o mércores e o xoves en sesións de mañá para estudantes de bacharelato de toda a comarca, A celebrada adaptación teatral do libro de María Reimóndez chega ao Barco con Teatro do Morcego.
Un argumento sobre a vida e as aspiracións das mulleres e un elenco de primeiro nivel, con Estíbaliz Espinosa, Susana Dans, Laura Ponte, Maxo Barjas, Elina Luaces, Luisa Merelas e Inma António. Na dirección Celso Parada, encargado tamén da adaptación, xunto coa propia autora, María Reimóndez.
Seis mulleres moi diferentes entre si acoden a clases de calceta, un lugar onde converxen as súas frustracións pero, tamén, un lugar onde toman conciencia da súa situación e da necesidade de superala. A través dun espazo tan tradicionalmente feminino como a calceta, estas mulleres atopan no valor da unidade a forza para sobrepoñerse a un presente que as nega ou infravalora. Desde a intriga e a hilaridade, emerxe unha profunda reflexión e revisión sobre a condición feminina. Inspiradas na figura liberadora da tía Davinia, Matilde, Anxos, Rebeca, Elvira, Luz e Fernanda van facéndonos partícipes da súa historia desde un multiperspectivismo que desfai os fíos dunha sociedade machista.
A compañía Teatro do Morcego foi fundada no ano 1989 polo actor e director Celso Parada e mais por Isabel Ávila. Mantén a súa actividade ininterrompida desde entón e recibe premios como os Compostela por Misterio cómico e Doberman ou o María Casares por Lazariño de Tormes, ademais de ser finalista en varias ocasións. Realizou importantes montaxes como: "O burgués fidalgo" de Molière; "Os vellos non deben de namorarse" de Castelao; "A gran ilusión" de Eduardo de Filippo ou "Morte accidental dun anarquista" de Darío Fo, todas elas coñecidas polo público do Barco.
(S.M. de Cultura)


