O Concello do Barco limpará vertedoiros incontrolados no municipio
O concelleiro de Medio Ambiente, Luís Ramos, deu a coñecer este xoves no pleno da Corporación a intención do seu departamento de pechar, nos próximos meses, varios dos vertedoiros incontrolados existentes no municipio.
O proxecto dentro do que se inspeccionaron e
catalogaron os puntos non controlados (Proxecto de
caracterización, localización e limpeza de vertidos
incontrolados) iniciouse no ano 2006, e desde entón
xa se investiron da orde de 200.000 euros para a
erradicación dos vertidos irregulares. Nestes
momentos hai outros 30.000 euros aprobados para
este fin. En todos os casos, o custo para o
concello foi nulo, xa que se trata de proxectos
financiados pola Consellería de Medio
Ambiente.
O concelleiro recordou este proxecto durante a súa
intervención para darlle resposta a unha moción
presentada polo Grupo Popular na que pedía unha
actuación, cun orzamento de 6.000 euros, para
identificar, catalogar e eliminar os vertedoiros.
"Imos votar que non á moción, porque todo o que
piden está feito, e o investimento que propoñen é
simplemente ridículo e xa se superou con fartura",
dixo o edil.
O ano pasado, retiráronse máis de 2.000 metros
cúbicos de residuos en varios vertedoiros
incontrolados. Os esforzos centráronse nos que se
consideraron prioritarios, pola súa situación -en
proximidades de acuíferos, por exemplo- ou polas
características. Para os próximos meses, os
esforzos dedicaranse a oito vertedoiros, dos
que os máis importantes son os situados en
Millarouso, Vilariño e Candís, este último cunha
grande cantidade de metros cúbicos de rodas vellas,
e cuxo custo de retirada será moi elevado. Outros
tres están localizados na estrada de
Soulecín.
Na mesma sesión desestimouse outra moción do
PP, relativa ao fraccionamento do IBI, xa que o
grupo de goberno explicou que, neste momento, todos
os contribuíntes que o desexen poden fraccionar xa
o pagamento de todas as taxas municipais, non só do
IBI. Aprobouse, pola contra, unha moción do PSOE na
que se acordou dirixirse ao goberno da
nación para que non se aprobe unha emenda aos
orzamentos xerais do Estado do parlamentario
popular Celso Delgado. Nesa emenda, O PP solicita,
segundo se indicaba na moción aprobada
polo pleno do Barco, que parte do
investimento destinado ao tramo do AVE
Lubián-Ourense (134 millóns) se retire do orzamento
deste tramo, para dedicalo a outras obras do tren
de Alta Velocidade.
Para rematar, o alcalde, Alfredo García, informou
da próxima adxudicación das obras de mellora da
travesía do Barco, por un importe de 2 millóns de
euros, así como a construción de beirarrúas en
Éntoma, cun custo de case un millón de euros.

