Comeza a Campaña de Animación á Lectura da Biblioteca Municipal
Este fin de semana dará comezo a campaña de animación á lectura programada pola Biblioteca Municipal Florencio Delgado Gurriarán. Dous dos proxectos foron presentados polo alcalde, Alfredo García, o concelleiro de Cultura, Eduardo Ojea, e a técnico da biblioteca, Debora Alvarez.
O proxecto "Café con letras" sacará
os libros da Biblioteca Municipal, e levaraos a
seis cafeterías do Barco que se prestaron a
colaborar. Nelas -A Pampa, A Maltería, o Cafetín,
Principal e Zig-Zag- dispoñeranse estanterías,
debidamente identificadas, nas que haberá libros de
diferentes estilos e para distintas idades, pero
coa característica común de que se trata de textos
curtos ou de lectura rápida. Tamén se disporán
revistas que a Biblioteca Pública do Barco ten
habitualmente nas súas instalacións. Os usuarios
poderán coller os libros mentres toman un café, e
deberán deixalos ao terminar. En cada unha das
estanterías haberá pequenas follas de enquisas,
para que se valore esta campaña e as súas
características.
Tamén se presentou, dentro da mesma campaña, o
concurso "Unha xoia de castaña".
Dirixida a nenos e mozos de entre 3 e 18 anos, o
certamen conta con tres categorías, por idades, e
premios para os mellores traballos. Os interesados
deberán confeccionar unha xoia, con polo menos unha
castaña, e acompañala cun escrito no que definan o
traballo, as súas características e o que
representa.
Durante a presentación, o alcalde, Alfredo García,
recordou que o que se pretende con esta e outras
iniciativas -hai moitos plans para os próximos
meses na biblioteca- é que a lectura salga das
paredes da biblioteca e chegue ao público en xeral
e, especialmente, aos máis novos. Aínda que nesta
ocasión a campaña redúcese a seis cafeterías, a
iniciativa estará aberta, en futuras edicións, para
que se adhiran outros locais intersados.

