Un século de fútbol no Barco

14.02.14 10:04

Un século de fútbol no Barco é o título da exposición fotográfica que se inaugura o próximo día 25 de febreiro (20h30) no Teatro Lauro Olmo. Estará aberta ata o día 28 de marzo e poderá visitarse de 17 a 21 horas, de luns a venres.

A mostra é un catálogo visual dos distintos momentos que viviu a práctica deste deporte na nosa localidade desde os seus comezos cara o ano 1915, no que aparece datada a primeira das fotografías, ata o momento actual. O comisario é Xabier Roo Abril, quen explica no catálogo da exposición: " Neste ano 2013 o equipo de referencia pra os/as afeccionados/as ao fútbol na cabeceira de Valdeorras, o Centro de Deportes Barco, vén de celebrar o cuadraxésimo aniversario da súa fundación. Porén, o chamado “deporte rei” tiña xa nesa altura (1973) unha longa e interesante historia que nos leva a remontar varias décadas na liña do tempo, até os primeiros anos do século XX, cando o football arriba á comarca e prende con forza entre a mocidade que o practica e mais un público de toda condición que o segue e impulsa."

Esta actividade, inicialmente programada dentro do Outono Fotográfico, foi adiada ata este momento por diversos problemas organizativos. Na liña de outras exposicións realizadas anteriormente "Un século de fútbol no Barco" supón un chanzo máis na recuperación e divulgación da memoria gráfica local na que traballa a Concellaría de Cultura do Barco desde hai anos.

Así pois a xente do Barco vai ter ocasión de gozar, como conclúe Xabier Roo, desta "escolma de fotografías de afoutos e suorentos rapaces, de soños de nenos e dos que xa non o son tanto, de paixón compartida por unhas cores, tras do valo ou na bancada."

OBarcoDeValdeorras

Nueva Ventana Xunta de Galicia
  • Rus
  • Eng