O CD Barco recibe o líder en Calabagueiros
O Centro de Deportes Barco recibe este domingo no seu campo de Calabagueiros o cadro da Peroxa, actual líder da clasificación da Primeira autonómica en que milita o noso primeiro equipo. O encontro dará comezo ás 16.30 horas.
O Centro de Deportes Barco ocupa neste momento o sétimo posto na táboa clasificatoria con 36 puntos. Na cabeza figuran A Peroxa con 45 puntos e o Polígono de San Cibrao con 41. Pechando a clasificación logo da 23 xornada figuran o CD Rúa, con 19 puntos, e o Maside CF, que con tan só 15 é o pechacancelas.
O Barco necesita gañar este encontro contra o líder para afianzar, e mesmo mellorar, a súa posición nos postos de honra dunha clasificación ligueira moi disputada e que se encamiña cara á súa recta final. A directiva do club valdeorrés fai, con tal motivo, unha chamada aos afeccionados para que acudan a Calabagueiros a animar os xogadores.
Por outra parte os xuvenís do CD Barco disputan este sábado, ás 16.30 horas no Campiño de Viloira, un partido de competición contra o Maside.






