Área de Medio Ambiente: Actuacións


Ribeira do Sil ao seu paso polo Barco

Mellora ambiental da ribeira do Sil dentro do núcleo urbano do Barco

Este proxecto ten como obxectivo adecuar dende unha perspectiva medioambiental as actuacións proxectadas na zona de ribeira do tramo urbano do río Sil ao seu paso pola localidade do Barco de Valdeorras.

As actuacións propostas, encamíñanse a achegar un grao maior de naturalidade a un espazo altamente humanizado e con unha dinámica tendente á urbanización. Desta forma preténdese compatibilizar as actividades de ocio e goce do contorno fluvial ao seu paso polo núcle urbano e a restauración das condicións ambientais do medio fluvial. Estes aspectos contribuirán a conferirlle ao espazo unha maior riqueza específica, paisaxística e estética.

As actuacións encamiñadas a modificar a fisionomía do contorno evitaranse na medida do posible, de forma que só se aplicarán  nos espazos  nos que non se presente outra alternativa.

As actuacións que se propoñen sobre as plantacións existentes céntranse na eliminación dos pés de especies exóticas ou especies afectadas por inclinacións importantes ou con problemas fitosanitarios por ataque de fungos e que polo tanto poidan constituír  un perigo para a poboación.

Nas diversas plantacións que se pretenden realizar, empregaranse unicamente especies autóctonas. As diferentes especies plantaranse en forma de pequenos bosquetes ou manchas de vexetación que acheguen un maior grao de naturalidade do entorno, á vez que  permitan o correcto tránsito de persoas ao longo do espazo. A existencia desta diversidade de especies permite o seu emprego como recurso pedagóxico.

A plantación proposta inclúe pequenas formacións de bosque de ribeira, con salgueirais e amieirais características do Sil no seu tramo de Valdeorras. O resto das plantacións serán as representativas das formacións características do conxunto florístico atlántico e mediterráneo.


Camiñando por un souto na parroquia de Xagoaza

Casa da Natureza en Xagoaza

Seguindo unha liña de protección  do patrimonio natural elaborouse o proxecto da Casa da Natureza de Xagoaza. Esta construción aínda que inicialmente cumpre coa función de albergue debe ser entendida  tamén como un centro de educación ambiental, xa que se  aproveitará o contorno natural da zona para desenvolver actividades que permitan descubrir e estudar as características naturais, etolóxicas, históricas e culturais  non só do contorno próximo senón tamén do resto da comarca.

Este centro localizarase no terreo onde agora está a antiga escola  de Xagoaza, co que se pretende dar funcionalidade para o público a un edificio que na actualidade carece dela.

É unha forma de  impulsar que se modifique o xeito de relacionarse co medio e de gozar do lecer, considerando a paisaxe como un recurso máis que se debe protexer porque é un valor escaso, finito e susceptible de se deteriorar.

Unha das principais características do edificio é a súa construción, buscando que sexa respectuoso co medio ambiente. Así, está proxectada a utilización de enerxía solar e biomasa como fontes de enerxía.

Cómpre salientar que non existe na comarca ningún equipamento con estas ou similares características. Ao mesmo tempo serve de apoio nas tarefas de busca de alternativas para o desenvolvemento turístico de Valdeorras, sendo esta unha comarca que ten un importante potencial aínda non aproveitado.


Participantes nun dos roteiros de presentación

Rutas saudables para andar no concello do Barco

Están deseñadas sobre o papel  tres rutas saudables, camiño de ser levadas sobre o terreo.

·        “Ruta do colesterol”: Casa do Concello-ponte do Polígono da Raña-O Salgueiral-Casa do Concello. Cunha distancia de 6,200 Km que se prevé  realizar nunha hora e vinte minutos. Conta cun ascenso total de 67 metros e un descenso total de 64 metros.

·        “Ruta da tensión”: Casa do Concello-Viloval-Casa do Concello. Cunha distancia de 6,00 Km que se prevé realizar nunha hora e vinte minutos. Conta cun ascenso total de 79 metros e un descenso total de 92 metros.

·        “Ruta do azucre”: Casa do Concello-depósito da auga-Casa do Concello. Cunha distancia de 6,00 Km que se prevé realizar nunha hora e trinta minutos. Conta cun ascenso total de 139 metros e un descenso total de 139 metros.

 Co deseño destas rutas preténdese  acadar os seguintes obxectivos:

 ·        Concienciar as persoas que a actividade física inflúe notablemente no benestar mental da persoa

·        Trátase de acadar que a actividade física forme parte dos nosos hábitos de vida e dos nosos costumes

·        Modificar a forma de relacionarse co contorno e de gozar do lecer

·        Considerar a paisaxe como un recurso máis  que se debe protexer porque é un valor escaso e susceptible de se deteriorar

·        Adquirir valores sociais e de interese polo medio ambiente, que axuden a participar na súa protección e mellora


Escolares diante dun mural realizado por eles na Semana da Natureza de 2007

Semana da Natureza

Este ano celebramos a “XII Semana da Natureza” no Concello do Barco, promovida pola Concellaría de Medio Ambiente. Sempre se dedica a unha temática relacionada co medio ambiente e este foi o ano da prevención de incendios forestais.

Esta iniciativa ata agora estaba pensada fundamentalmente para os escolares, mais este ano ampliouse á poboación en xeral. Neste sentido traballouse en febreiro nunha semana dedicada á presentación de diversas charlas sobre a prevención  e a loita contra os incendios forestais, así como aos rendementos do monte.

No mes de abril continuouse  coa programación co desenvolvemento  de diversas actividades: exposicións, cine, teatro, monicreques, campaña escolar de educación ambiental para a prevención de incendios forestais, rutas escolares de sendismo á Serra da Enciña da Lastra, concursos e diversas actividades dinámicas para escolares.

Coa vosa participación en campañas de sensibilización deste tipo facedes posible que dende o Concello se poidan seguir planificando actividades por e para o desenvolvemento sostible do medio natural.


Proxecto Ríos

O Proxecto Ríos é un programa de voluntariado e educación ambiental impulsado por ADEGA, que pretende contribuír á busca de solucións aos problemas ligados cos ecosistemas fluviais e incrementar a conciencia ambiental sobre eles, partindo do principio de participación da cidadanía.

A proposta de traballo baséase na inspección das condicións ecolóxicas dos ríos, realizada por voluntarios locais. Aos participantes entregaráselles un material totalmente gratuíto para realizar as inspeccións, que terán lugar en dúas campañas, a de primavera (abril-xuño) e a de outono (setembro- outubro). Os participantes remitirán os resultados obtidos á sede do proxecto, cos que se elaborará un informe anual do estado de saúde dos ríos escollidos para realizar o estudo.

Este concello participa neste programa como Concello Colaborador do Proxecto Ríos  sendo unha das súas funcións a de divulgar e fomentar a participación da cidadanía neste proxecto, establecendo unha rede de cidadáns interesados na protección dos ríos que permita coñecer o seu estado de saúde.

Estamos ante un proxecto medioambiental que reúne un número de grupos de traballo, inicialmente formado polos seguintes: IES “Martaguisela”, IES “Lauro Olmo”, colexio “Julio Gurriarán”, Asfaval  e Morea.

Este non é un grupo de traballo pechado, senón que se poden sumar a el todas as persoas interesadas en contribuír na mellora do hábitat fluvial.

Desde  a Concellería de Medio Ambiente animámosvos a participar neste e noutros proxectos que adopten actitudes encamiñadas a protexer e mellorar o medio ambiente.

Documentos descargables sobre Medio Ambiente:

Guía da auga

OBarcoDeValdeorras

  • Rus
  • Eng